Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro anos de pelexa para gañar o título afeccionado máis prestixioso de Europa

Catro anos de pelexa para gañar o título afeccionado máis prestixioso de Europa

A covid impediu que se xogase a competición europea no ano 2021

A UEFA mantivo a Galicia como representante do fútbol español e impúxose nas dúas fases internacionais

G24.gal 18/06/2023 11:56

O camiño da selección galega para gañar a Copa das Rexións comezou aló polo 2019. Un 6 de decembro xogaba, e gañaba, diante de Castela-A Mancha por 2-0 (goles de Abelenda e Josiño). O triunfo diante de Ceuta por 4-0 (Adri Castro -3- e Iker Hurtado) poñíaos en cuartos de final. 

Diante de Euskadi tiveron o partido máis duro. Dous goles de Adri Castro e un de Iker Hurtado permitíronlle gañar os cuartos por 2-3. Nas semifinais a vitoria foi moito máis cómoda contra Baleares (4-1) con protagonismo para Lamelas con dous goles. Iago López e Iker Hurtado anotaron os dous últimos. 

A final xogouse en Las Rozas un 12 de marzo de 2020 contra Andalucía. Gañou Galicia por 2-0 con goles de Carlos López e Yelco. Foi o último partido antes do confinamento e varios dos xogadores galegos volveron infectados de Madrid. 

A competición europea, que tiña que xogarse na temporada 20-21, adiouse ata esta 22-23. Galicia organizou o primeiro sector e enfrontouse aos campións de Eslovenia, Suíza e Hungría. A meirande parte dos xogadores que gañaran os sector en España pasaron a ser profesionais e houbo que mudar de plantel. 

Contra Ljubljana Galicia gañou 3-0 (Félix, Álex Rey e Cotilla). Diante de Suiza, vitoria por 2-1 (Félix e Álex Rey). Contra Pest chegaba cun empate e o 1-1 (Otero) resultou dabondo. 

En xuño de 2023 Galicia volveu acoller a segunda fase europea e o resultado aínda foi mellor. 2-0 contra a República de Irlanda (Iñaki e Magisano), 2-1 contra Zenica Doboj de Bosnia Herzegovina (Álex Rey e Otero) e no último partido só valía a vitoria contra Baviera e acadouse (1-0 con gol de Álex Rey de penalti). 

A final diante de Belgrado xa forma parte da historia do fútbol galego. O 3-1 (Félix, Alex Rey e Iñaki) é o meirande fito da historia do fútbol afeccionado na nosa terra. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade