Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro detidos dunha rede que explotaba laboralmente estranxeiros en Lalín

Catro detidos dunha rede que explotaba laboralmente estranxeiros en Lalín

Hai tres persoas máis que están investigadas

Os catro detidos quedaron en liberdade con cargos

G24.gal 12/05/2023 17:07 Última actualización 12/05/2023 17:32

Catro persoas foron detidas e tres máis figuran como investigadas pola súa relación cun grupo desarticulado pola Garda Civil que explotaba laboralmente a estranxeiros na comarca pontevedresa do Deza.

Os catro detidos, segundo informou este venres o instituto armado, son de nacionalidade búlgara e acúsaselles de explotar, en colaboración cos outros tres implicados, nacidos en España, a traballadores estranxeiros coa promesa de regularizar a súa situación. A todos eles investígaselles polos delitos de trata de seres humanos na modalidade de explotación laboral, coaccións e favorecemento da inmigración ilegal.

A maxistrada do xulgado de instrución número dous de Lalín, en funcións de garda, decretou a posta en liberdade de tres dos arrestados, mentres que o cuarto xa quedara nesa situación tras declarar ante a Garda Civil. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informou de que como medidas cautelares impúxoselles a retirada do pasaporte, a prohibición de saída do espazo Schengen e a obrigación de presentarse cada quince días no xulgado.

A investigación da denominada operación Pitangus comezou en agosto de 2022 tras a denuncia presentada por un cidadán búlgaro que advertía da actividade irregular que estaba a realizar unha empresa dedicada á limpeza de granxas porcinas e avícolas. 

Os traballadores sufrían condicións laborables abusivas, entre elas xornadas de máis de doce horas diarias de luns a domingo, non dispoñían de xornadas de descanso nin vacacións e tampouco tiñan un mínimo de condicións de seguridade e saúde laboral. 

No rexistro do domicilio do xefe desta trama, os axentes da Garda Civil acharon 50.000 euros en efectivo e diversa documentación que avala toda a investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade