Celebrouse na Coruña a primeira edición do reto Golfo Ártabro
Celebrouse na Coruña a primeira edición do reto Golfo Ártabro
O reto Golfo Ártabro foi organizado pola Fundación Enki, que pretende promover o deporte entre os menores con diversidade funcional
O reto consistiu nunha travesía a nado de case cinco quilómetros entre Mera e San Amaro e 3 quilómetros correndo ata a praza de María Pita
Chegaron á praia de San Amaro despois dunha travesía a nado de case cinco quilómetros. A protagonista é Inés, unha menor con discapacidade intelectual, que participou nesta primeira edición do reto Golfo Ártabro.
"Con Inés vemos que aínda que ten unha discapacidade intelectual enorme, e tamén física, que vai mellorando co deporte, pódese facer de todo. É cuestión de ganas e de buscar adaptación. Non foi nadando, foi cunha lanchiña", asegura Rocío Alfonso, a nai de Inés.
A Inés acompañouna un grupo de nadadores voluntarios, entre eles o excampión do mundo de tríatlon Iván Raña.
"O motivo era axudar a Inés para que estivera un pouco no mar coa lanchiña, porque é unha das cousas que lle fai moita ilusión, non podía dicir que non", explica Iván Raña
"A verdade é que foi unha experiencia marabillosa que se vai converter nunha experiencia anual", asegura Ignacio García, impulsor do reto.
Despois da natación, tres quilómetros correndo ata a praza de María Pita. O reto foi organizado pola Fundación Enki, que traballa para que os menores con diversidade funcional teñan a oportunidade de participar en eventos deportivos.
"O obxectivo era visibilizar a importancia de que a diversidade funcional poida incluírse no deporte e no lecer e por iso quixeron participar neste reto de cruzar o golfo ártabro nadando desde Mera ata San Amaro, e agora correndo ata María Pita", explica Carmen Touza, xerente da Fundación Enki.
Coa chegada á praza de María Pita conseguiron o seu obxectivo. O reto Golfo Ártabro 2024 xa quedou convocado.