Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chamada a doadores ante a baixada das reservas de sangue en Galicia

Chamada a doadores ante a baixada das reservas de sangue en Galicia

Cada día precísanse máis de 400 doazóns para atender as necesidades dos hospitais

Necesítase sangue de tipo A+, A-, 0  e 0-

G24.gal 14/12/2023 14:05

Os sete centros fixos de doazón de sangue de Galicia e as unidades móbiles, como a situada este xoves en Pontecesures, invitan a participar nesta acción tan valiosa que non hai cartos que a paguen. Asistimos á estrea de Sergio como doador, convencido por Ángel, compañeiro de traballo.

"Mesmo o falara con el, que é algo que quería facer, pero... un día por outro, e pasaron corenta e seis anos", di Sergio.

Todas as doazóns son ben acollidas. Especialmente, cando as reservas escasean en determinados grupos, como lembra o médico Jorge Martínez:

"Agora mesmo en A positivo e negativo e 0 positivo e negativo estamos bastante baixos".

Para doar é preciso ser maior de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin que se sufriran enfermidades transmisibles polo sangue. Virxinia, doadora universal, e Víctor e Ángel son habituais neste acto altruísta.

"Son quince minutiños aquí para doar sangue para moita xente que o necesita".
"Lévoo doando desde os dezaoito anos e procuro vir cada vez que me chaman. Son 0-, un sangue que precisa moita xente, sobre todo en urxencias".
"Hai máis de vinte e cinco anos que son doador. Sempre que estou en situación de poder doar, fágoo".
"A picada non doe, é algo necesario... e daquela, aquí estamos, dispoñibles para axudar", afirma o novo doador.

E así contribúen a conseguir as máis de 400 doazóns de sangue diarias que fan falla para garantir os compoñentes sanguíneos necesarios nos hospitais de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade