Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chaman a doar sangue polas baixas reservas dos hospitais

Chaman a doar sangue polas baixas reservas dos hospitais

Os grupos A positivo e 0 negativo son os que nestes momentos están en niveis máis baixos

G24.gal 12/09/2023 16:32 Última actualización 13/09/2023 14:02

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fixo este martes un chamamento á poboación de Galicia para que doe sangue ante os baixos niveis das reservas, especialmente dos grupos A positivo e 0 negativo.

Os hospitais de Galicia necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias para levar a cabo de maneira eficaz o seu labor asistencial.

Sanidade sinala nun comunicado que “é imprescindible a xenerosidade e o altruísmo de toda a cidadanía”.

As distintas unidades móbiles de ADOS visitarán estes días diferentes concellos da comunidade para conseguir as doazóns precisas.

Así, este martes están en Praza de España (Ferrol), San Pantaleón (Paderne), A Laracha, Gaiteira/Os Castros (A Coruña), Milladoiro (Ames), Arzúa, O Porriño, Navia (Vigo), Ribadeo, Dozón, O Irixo e San Cristovo de Cea.

O mércores estarán en Pontedeume, Catro Camiños e Monte Alto (A Coruña), Milladoiro (Ames), Praza Roxa (Santiago), Ferraría (Pontevedra), O Calvario e Valadares (Vigo), Praza Horta do Seminario e Praza Maior (Lugo), e A Cañiza.

O xoves estarán en Mugardos, Cambre, Bo Vila Negreira (A Coruña), Area Central (Santiago), Praza Roxa (Santiago), Bueu, Ponteareas, Teis (Vigo), Viveiro e O Posío (Ourense); o venres en Oza dos Rios, Arteixo, Obelisco (A Coruña), Boiro, Lestedo (Boqueixón), Marín, Ponteareas, Teis (Vigo), Lourenzá e O Couto (Ourense); e o sábado en Neda, Arteixo, Boiro, Marín, rúa Príncipe (Vigo) e rolda das Fontiñas (Lugo).

Sanidade lembra, ademais, que se pode doar sempre no hospital Clínico Universitario de Santiago, o Universitario da Coruña, o Arquitecto Marcide de Ferrol, o Lucus Augusti de Lugo, o Provincial de Pontevedra e o Nicolás Peña de Vigo, amais de no local da praza Paz Novoa de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade