Galicia precisa incrementar as doazóns de sangue durante o verán
Galicia precisa incrementar as doazóns de sangue durante o verán
A axencia de doazóns fai un chamamento á solidariedade cidadá
Nestes meses aumentan as necesidades e diminúen as achegas
Cada día precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para abastecer os hospitais galegos.
"O sangue non se pode fabricar e ten unha data de caducidade e por iso hai que renovar as reservas todos os días. Os glóbulos vermellos duran 42 días, as plaquetas, sete días", explica o xefe de xestión de colectas da ADOS.
Pero nos veráns, neste tamén, a deslocalización dos doadores habituais pon difícil manter as reservas.
"Nalgúns grupos estamos en niveis un pouco preocupantes, especialmente o 0 negativo e o B positivo", advirte Xosé María Vázquez Estepa.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chama á solidariedade cidadá. Son benvidas as doazóns de todos os grupos sanguíneos. No verán non só hai menos doadores, senón tamén máis necesidades.
"No verán, aumentan os accidentes de tráfico, aumentan as cirurxías, aumentan as urxencias hospitalarias e aumentan os transplantes", relata Vázquez Estepa.
Para doar sangue hai que ser maior de idade, pesar máis de 50 quilos e estar san. Pódese facer nos puntos de doazón das sete cidades máis grandes ou nalgunha das dez unidades que se mobilizan cada día a distintas localidades.
Galicia foi a terceira autonomía con máis doazóns por cada mil habitantes. Hoxe é a quinta. O envellecemento condiciona a clasificación. Máis aló dos 65 ou 70 anos non se pode doar.