Chapela reina na Concha nunha clasificatoria de moitas sorpresas
Chapela reina na Concha nunha clasificatoria de moitas sorpresas
O campión da Liga Galega quedou no cuarto posto e sumará a terceira participación en Donostia
Hondarribia, Cabo ou Tirán, da Liga Euskotren, quedaron eliminadas
Xornada de moitas sorpresas na clasificatoria feminina da Bandeira da Concha. Tres equipos que non pertencen á primeira categoría do remo, a Liga Euskotren, meteron a proa entre as sete mellores. Chapela, campioas da Liga Galega, Astillero, campioas da Liga ETE, e Kaiku derrotaron ás que partían como teóricas favoritas.
Cumpriron Arraun Lagunak e Tolosaldea cos mellores tempos. Hibaika tamén estivo na boa liña. Logo viñeron as tres sorpresas e, por último, entrou Orio por menos dun segundo de marxe. A súa eliminación tería culminado o desenlace máis sorprendente.
Cabo e Tirán non estiveron á altura do agardado e quedaron lonxe dos mellores tempos. Tampouco entrou Hondarribia, algo co que ninguén contaba na previa.