Publicador de contidos
Publicador de contidos

A China fará tests da varíola do mono a todas as persoas chegadas do estranxeiro

A China fará tests da varíola do mono a todas as persoas chegadas do estranxeiro

As autoridades poñen o foco nos países en que se detectaron casos

G24.gal 02/07/2022 09:48 Última actualización 02/07/2022 11:54

Todas as persoas que entren na China desde o estranxeiro deberán someterse a probas de vexigas do mono, á parte das da covid-19, segundo informa o rotativo oficial Diario do Pobo, que cita unha nova guía de prevención da enfermidade publicada pola Comisión Nacional de Sanidade.

A institución esixiulles ás diferentes autoridades locais que fagan os tests da varíola, sobre todo, a persoas procedentes de países nos que se detectaron casos da enfermidade nos 21 días anteriores á súa chegada.

Así mesmo, deberán levar a cabo un "seguimento próximo" das persoas que amosen síntomas compatibles e informar de calquera caso sospeitoso para o seu traslado a "institucións médicas designadas".

Polo momento, a China non informou da detección no seu territorio de casos das vexigas do mono, que se propagou xa por cincuenta países desde que comezou o ano, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Contaxios confirmados

A maior parte dos 3.413 contaxios confirmados no 2022 rexistráronse en Europa, con especial incidencia en países como Reino Unido, Alemaña ou España.

Nun comunicado emitido este venres, o director rexional da OMS en Europa, Hans Henri P. Kluge, indicou que case o 90 % dos casos detectados a nivel global desde mediados de maio concéntranse nese continente, onde os contaxios se triplicaron nas últimas dúas semanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade