Cibercarracho, un termo inventado polo #DígochoEu, finalista a palabra do ano
Cibercarracho, un termo inventado polo #DígochoEu, finalista a palabra do ano
O neoloxismo fai referencia aos ciberdelincuentes que rouban datos ou mesmo cartos
As outras cinco finalistas son: cooficialidade, educación emocional, feitiño/a, dereitos humanos e biodiversidade
Cibercarracho, un termo xurdido no programa da Televisión de Galicia #DígochoEu, é unha das seis finalistas para ser elixida como palabra do ano en 2023 pola iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié do Portal das Palabras.
Este neoloxismo foi creado para un espazo sobre ciberseguridade no que unha personaxe interpretada por Esther Estévez, presentadora do #DígochoEu, representa un pirata informático. O cibercarracho intenta facer o seu traballo, que vén sendo roubar datos e mesmo cartos, e Esther dá consellos para impedirllo.
Desta forma cibercarracho é outra maneira, un novo xeito, de chamar ao ciberdelincuente, e segundo destaca o Portal das Palabras, "tira do humor a partir do parecido entre quen nos rouba datos, ou directamente cartos, e ese becho case invisible que nos chucha o sangue".
Nesta edición de 2023, tamén resultaron finalistas as palabras: cooficialidade, que fai referencia á aprobación do uso no Congreso dos Deputados das outras linguas oficiais no Estado español; educación emocional, como parte da formación máis alá "das mateiras que fan media" no currículo escolar; feitiño/a, para referirse ás persoas que destacan "tanto virtudes morais como físicas"; dereitos humanos, para "denunciar a constante violación do contido" da Carta Universal dos Dereitos Humanos, no seu 75 aniversario; e biodiversidade, que "evoca dende as mobilizacións dos últimos meses contra o impacto ambiental e social de grandes proxectos eólicos en Galicia ata o gran desafío mundial do cambio climático".
As votacións para escoller a palabra do ano están abertas ata o próximo 25 de decembro, incluído. A gañadora do ano pasado foi comadre, nunha reivindicación da solidariedade entre mulleres, dende o feminismo, na práctica da sororidade.