Cinco actas por posesión de drogas e dúas por arma branca nunha redada en Santiago
Cinco actas por posesión de drogas e dúas por arma branca nunha redada en Santiago
A policía fixo control sorpresa de ocupación e drogas nos bares Stilo e TNT
O Stilo funciona como after e acumula queixas da veciñanza desde hai anos
A despregadura de varias patrullas das policías nacional e local, con corte de tráfico incluído, sorprendía os veciños de Fernando III o Santo na mañá do domingo. Tratábase dun control preventivo de capacidade e drogas no bar Stilo, que rematou con dúas actas por posesión de estupefacientes. O local actúa como after desde hai anos e acumula queixas da veciñanza.
"Eu teño pasado ás dez da mañá e ver xente drogándose, non é agradable pasar por aquí".
"Eu cruzo para non pasar por aquí, están cando vou ao traballo e cando volvo seguen".
"Veñen doutro local que pecha antes, e logo quedan tirados aquí ata as dúas da tarde, sobre todo os sábados e os domingos", din algúns transeúntes.
Os veciños máis afectados non queren saír ante os medios por medo a represalias. Pero fóra de cámara relatan que están fartos dos ruídos, as liortas e a compravenda de drogas na contorna do local. Piden solucións que permitan recuperar a boa convivencia na zona.
"Temos vistos pelexas, sangue, como lle rompían os dentes a unha moza dunha patada, levamos anos con isto, unha rúa en que todos nos coñecemos".
"É un desastre, neste garaxe van poñer unha reixa porque entran dentro e fan de todo, é terrible", explican dúas veciñas afectadas que prefiren manterse no anonimato.
O pub TNT, moi cerca do Stilo, foi outro dos locais controlados por sorpresa na redada do domingo. Ademais de tres actas por posesión de drogas, alí atoparon dúas persoas que portaban armas brancas.