Claros e nubes na economía española, por Maite Cancelo
Claros e nubes na economía española, por Maite Cancelo
A economía española no primeiro trimestre do ano logrou un superávit de 14.400 millóns de euros
A revisión que realiza o Banco de España susténtase na evolución da actividade económica que se produciu no primeiro semestre do ano. Así, no primeiro trimestre o PIB español medrou un 0,5 % (fronte á caída do 0,1 % de media na zona euro).
O Banco de España, como outros analistas, cos que coincido, sinalan a recuperación da actividade turística e o importante pulo da nosa actividade exportadora. Ademais, habería que incorporar o efecto do aumento do investimento público grazas aos fondos de recuperación europeos.
De feito, a economía española cunha balanza de bens e servizos tradicionalmente negativa, no primeiro trimestre do ano logrou un superávit de 14.400 millóns de euros e o superávit do turismo alcanzou os 10.500 millóns nese mesmo período.
Outro dos factores positivos que estamos a ter é o retroceso dos prezos das materias primas enerxéticas que está a moderar o aumento da inflación, a cal tamén se viu favorecida polos efectos base (ou o que é o mesmo, estamos a comparar o aumento de prezos co que se produciu nos meses de maior crecemento da inflación, en que, lembremos, España tivo incrementos do IPC máis elevados que noutros países europeos, e isto é o que produce que se incrementase a base do índice e isto é o que, en parte, provoca unha melloría máis elevada que noutros países neste ano).
Debilidades e incertezas
A contracción do PIB, sobre todo, nas economías da zona euro, e en particular na alemá, pode chegar a impactar sobre as nosas exportacións, que están a ser, como dixemos, un dos motores de crecemento español e pode facer que os bos resultados que estamos a vivir se resintan á vez que os malos resultados dos nosos socios comerciais.
Con relación á subida dos tipos de xuro, o endurecemento das condicións financeiras e o empeoramento do acceso ao crédito xa está a impactar sobre a débeda de empresas e familias, facendo que o investimento (nas primeiras) e o consumo (nas segundas) estean a tomar valores moi baixos.
De feito, segundo os datos do INE, o consumo dos fogares experimentaría unha diminución do 3 % entre setembro de 2022 e marzo de 2023. Así, a caída na demanda nacional leva xa dous trimestres en negativo e algunhas estimacións alertan que, de continuar esta tendencia, podería alcanzar o -6 % ao longo do ano.
Inflación: a pesar da moderación do seu crecemento provocada pola contención dos prezos enerxéticos, a súa evolución segue tendo numerosas incertezas, xa que outros compoñentes da inflación só están a mostrar sinais de moderación e con riscos, sobre todo se se analizan algúns alimentos, cuxas condicións climatolóxicas poden afectar, negativamente, aos seus custos de produción.
Ademais, nos servizos, a forte demanda pode facer que os prezos non se desaceleren na contía esperada e aínda pode haber efectos de segunda rolda, polas revisións salariais que poden impactar sobre a inflación ao longo do ano.
Para finalizar, aínda cos bos datos coñecidos, España non recuperou os niveis de PIB previos á pandemia, e en economía é habitual ter claros e nubes, como tamén estamos a ter, na climatoloxía, neste final de primavera e case principios do verán.