Coñecemos a Blanca, a gañadora de Miss Vaca 2023
Coñecemos a Blanca, a gañadora de Miss Vaca 2023
Ten oito anos, vive en Teo e é a primeira gañadora da comarca de Compostela nas 15 edicións do certame que organiza o programa Luar
Blanca é unha rubia galega, mide 1,64 e pesa cousa de 1.200 quilos. Ese talle é a primeira virtude que lle destaca seu dono, pero a lista que ten é interminable.
"Sobran as palabras. Estamos diante dun animal extraordinario", di Manuel García.
"Ten elegancia, unha cabeza alegre, nobreza infinita, é moi dereitiña das patas", continúa enumerando.
Para el, Blanca "é un animal perfecto". E malia estas cualidades, o de Miss Vaca é o primeiro concurso ao que a presenta, porque quedaba cerca da casa en Teo e non tiña que remexela moito na viaxe.
Chegou á final como Miss Provincia da Coruña, posou, desfilou e convenceu o público. Elixírona Miss Galicia 2023 no certame que organiza cada ano o programa Luar. Conta Manuel que a vida de celebridade non lle gustou á Blanca.
"Son oito horas alí, de pé, apenas se deitou. E tamén faltáballe a cría, que están sempre xuntas aquí".
Manuel García leva 36 anos criando rubias por afección, co empeño de ir seleccionando os mellores exemplares da raza.
Mantén unhas dez vacas, vende os becerros para carne e algunhas femias para nais. Pero a Blanca de momento está fóra do mercado:
"Non podo dicir que non a venda, o que si podo dicirche é que para sentar a negociar pola Blanca teríamos que falar a partir dos 10.000 euros -asegura Manuel-, e son cantidades que para unha vaca non corresponden".
Blanca está preñada de catro meses e ten unha filla na explotación. Manuel xa ten lista de agarda para comprarlle algunha das xatas.