Coalición Canaria e o Partido Popular pechan o pacto para gobernar Canarias
Coalición Canaria e o Partido Popular pechan o pacto para gobernar Canarias
Un acordo ao que confían sumar ás forzas insulares Agrupación Herreña Independente e Agrupación Socialista Gomera, coas que acadarían a maioría na cámara
Os futuros socios de goberno confían en conformar un executivo sen departamentos estancos que acometa reformas fiscais e sanitarias
Coalición Canaria e o Partido Popular pecharon este martes o acordo para conformar xuntos o novo Goberno de Canarias, un pacto ao que poderían sumarse as forzas insulares Agrupación Herreña Independente (AHI) e Agrupación Socialista Gomera (ASG).
Nel aínda non establecen a estrutura do goberno agás as funcións de presidente e vicepresidente, que recaerán en Fernando Clavijo, de Coalición Canaria, e Manuel Domínguez, do Partido Popular, respectivamente. Si acordaron fixar unha repartición de áreas: Economía, Facenda e Turismo xestionaraas o PP, e Sanidade, Benestar Social e Ordenación Territorial serán dirixidas polos nacionalistas.
Os dous partidos coinciden en aplicar reformas no terreo fiscal, na sanidade pública e nas políticas que definen como as "do cheque para todo e para todos". O candidato á presidencia, Fernando Clavijo, afirmou que "os cidadáns castigaron gobernos de compartimentos estancos onde ninguén sabe o que fai.", abundou Fernando Clavijo.
CC e PP, respectivamente, suman por si sós 34 dos 70 deputados do Parlamento canario. Para lograr a maioría absoluta, Clavijo e Domínguez contan con que se sumará ao seu acordo Agrupación Herreña Independente, que achegaría o escano 35, e negocian obter o apoio do líder de Agrupación Socialista Gomera, Casimiro Curbelo, socio de goberno de Ángel Víctor Torres, presidente en funcións e candidato do PSOE, nos últimos catro anos. De saír adiante esta correlación de forzas non precisarían do apoio de VOX no parlamento canario.
Clavijo e Domínguez confían en estampar formalmente a súa sinatura a este acordo nun acto que se celebrará a finais desta semana.