Publicador de contidos
Publicador de contidos

Colas para facerse coa rosca de Reis, malia a chuvia

Colas para facerse coa rosca de Reis, malia a chuvia

Horas de espera para facerse cun roscón na véspera da noite de Reis

G24.gal 04/01/2024 14:51

"Toca facer cola, pero, vaia, hoxe hai pouca... Como aínda é a véspera". "Outros anos teño estado aquí catro horas. A cola dá a volta á beirarrúa", contan os máis larpeiros.

Malia a chuvia, desde primeira hora, aínda que non era moi longa, xa había cola nunha confeitería do centro da Coruña para conseguir unha saborosa rosca: "É que está moi risca. Paga a pena facer a cola".

Porén, máis paciencia e máis horas de espera tiveron os que optaron polas outras típicas roscas do barrio da Agra do Orzán. "Téñoo collido noutras pastelerías e coma esta non hai". "Eu podo estar agardando unha hora, dúas, tres... as que faga falta". "Eu catro horas xa che digo que non espero. Hora e media... e xa está ben", comentan os clientes.

E con toda esta demanda, nas pastelerías non lles queda outra que traballar sen descanso. "Aquí xa comezaron as colas o día 2... Saen moitos, moitos roscóns. Xa perdes a conta. Virán porque facémolo á man e os ingredientes son moi bos. Amais, a receita non a cambiamos nunha", explica Luz Bergondo, a propietaria da confeitería Flory.

Unha receita que ten xa sesenta anos e que non revelan. "Leva ovos e fariña... e ata aí podo contar", engade Luz.

Noutro local da contorna da praza de Lugo ofrecen a clásica rosca de Reis para celíacos. "Desde o Nadal xa o encargan. É practicamente igual ca o que leva glute. Amais está feito con moito amor", di Fernando Vázquez, o encargado do obradoiro Amaranto.

E así todos cumpren con esta popular tradición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos