Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comerciantes de Pontevedra recollen sinaturas para que se acendan antes as luces de Nadal

Comerciantes de Pontevedra recollen sinaturas para que se acendan antes as luces de Nadal

O Concello decidiu atrasar a iluminación de Nadal ata o 16 de decembro para aforrar enerxía

Os negocios da vila cren que os clientes irán facer as compras a outras cidades máis decoradas

G24.gal 29/11/2022 16:35 Última actualización 29/11/2022 17:44

O Concello de Pontevedra non acenderá a súa iluminación do Nadal ata o próximo 16 de decembro, dez días máis tarde do que era habitual, por "responsabilidade" ante a crise enerxética e para rebaixar o custo da factura eléctrica.

Pero un grupo de comerciantes da cidade está facendo unha recollida de sinaturas para pedir que se adiante o acendido da iluminación.

Queren evitar así que os clientes vaian facer as súas compras a outras cidades máis decoradas. 

Este xoves presentarán o documento no Concello. 

O Goberno municipal defende que manter a iluminación acesa case un mes elevaría o gasto nesta iluminación, que ascende a uns 140.000 euros, en máis dun 40 %.

Desta maneira, as luces de Nadal alumarán as rúas e prazas de Pontevedra entre o 16 de decembro e o 8 de xaneiro, entre as seis da tarde e as dúas da madrugada, excepto en Noiteboa e Fin de Ano que estarán activas ata as catro.

"Podo entender que haxa xente que discrepe desta decisión pero entendemos que é o máis adecuado", explicou a edil de Festas, Carme da Silva, que subliñou que esta medida foi froito dun proceso de reflexión ante a situación que atravesa o país.

Da Silva asegura que o Concello é "consciente" de que adoptar unha decisión deste calado "é ir a pé cambiado" co que están a facer moitos outros municipios, pero reitera que por "racionalidade" esta iluminación debe cinguirse á época propiamente do Nadal.

A edil asegurou que as administracións públicas deben mandar mensaxes "serias e non contraditorias" á sociedade, cando aos cidadáns se lles pide que aforren enerxía, ou se lles di que hai unha crise enerxética enorme ou que pode haber risco na subministración de calefacción.

Desde o PP, o seu portavoz Rafa Domínguez asegura que esta medida representa o "deixamento e falta de previsión" do Concello pontevedrés, ao que acusa de danar "deliberadamente" ao comercio da cidade ao derivar visitantes a outras localidades próximas.

O Goberno municipal sostén que o comercio local "non se vai ver afectado" por esta medida, da mesma maneira que noutras datas festivas como o entroido ou as festas patronais o aceso limítase aos días nos que se celebran as festividades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar