Comeza de xeito oficial a vendima na D. O. Monterrei con boas expectativas
Comeza de xeito oficial a vendima na D. O. Monterrei con boas expectativas
Agardan achegarse a sete millóns de quilos de uva nesta campaña
As castes brancas supoñen o 80 % da cantidade que se vai recoller
Mencía, merenzao, zamarreta e, sobre todo, godello. Son algunhas das castes de uva que dende hoxe xa se vendiman nos x concellos que forman a DO Monterrei. Este ano o tempo axudou e os froitos presentan un estado óptimo en canto a calidade e salubridade. Ademais, agárdase que a cantidade recollida sexa similar á do pasado ano e que se achegue a sete millóns de quilos.
"A uva está en moi boa condición e agardamos que a vendima sexa semellante á do ano pasado", di Manuel Vázquez, de Adega Fanrela.
A vendima nesta denominaciòn de orixe, a situada máis ao sur de Galicia, podería prolongarse ata comezos de outubro, en función da climatoloxía. Polo de agora tanto as precipitacións como as temperaturas están a axudar, pero todo pode cambiar en cousa de horas. O que non se puido evitar, un ano máis, é a falta de man de obra para vendimar, algo que tamén demora os traballos.
"É un problema que xa ven de anos atrás e que afecta noutros sectores. Teremos que arranxarnos como poidamos", sinala Manuel.
A D. O. Monterrei abrangue unhas 720 hectáreas nas que traballan arredor de 375 viticultores dos concellos de Verín, Monterrei, Vilardevós, Oímbra, Riós e Castrelo do Val.