Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a campaña extractiva da centola na Coruña e Pontevedra

Comeza a campaña extractiva da centola na Coruña e Pontevedra

En Lugo a centola permanece en veda ata o próximo 27 de novembro incluído

A campaña do boi tamén comeza o luns en todo o litoral de Galicia e estenderase ata o principio da veda do próximo ano

G24.gal 06/11/2022 17:41

A campaña extractiva da centola comeza este luns nas provincias da Coruña e Pontevedra. Nas áreas que van de cabo Corrubedo ata A Guarda ( Pontevedra) e de cabo Corrubedo ata Estaca de Bares (A Coruña), a actividade réxese polo establecido no decreto que regula en Galicia as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos.

O comezo da actividade extractiva supón tamén o inicio da comercialización das capturas desta especie, que volverá estar presente nos mercados.

A campaña deste crustáceo nas dúas provincias prolongarase ata o inicio da veda do ano 2023, que se fixará a través do correspondente plan de xestión. No caso da costa que vai de Estaca de Bares ata o río Eo -incluíndo a ría do Barqueiro, en Lugo- a campaña comezará o 28 de novembro pois o plan de xestión que regula esta especie establece a veda nesta zona ata o 27 de novembro,

Tamén comeza a campaña extractiva do boi en todo o litoral de Galicia, polo que a frota dedicada á pesca desta especie pode calar os aparellos de acordo co establecido no decreto de artes e aparellos e comercializar en lonxa as capturas que realice. A actividade manterase ata o inicio da veda do próximo ano, que quedará fixada no correspondente plan de xestión.

A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, á que se lle engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poderán participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades, teñan permisos especiais de pesca para operar nestas augas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos