Comeza o mes máis descarado e divertido do ano co Entroido
Comeza o mes máis descarado e divertido do ano co Entroido
Galicia somérxese nunha das temporadas máis festivas e divertidas do ano cun Entroido considerado o máis longo de Europa, e un dos máis antigos. Celebracións declaradas como Patrimonio Cultural Inmaterial polo seu interese antropolóxico e etnográfico, e que detrás agochan ducias de mans con moita arte e creatividade.
Santi leva máis de 30 anos leva dándolle vida á cara do Entroido de Xinzo no seu taller de artesanía, onde tamén transmite o seu saber facer.
O Concello de Verín organiza tamén obradoiros para aprender a facer as laboriosas carautas do Cigarrón. Unha tradición coa que se pretende preservar esta figura tan característica.
As costureiras apuran os últimos compases dos traballos reservados hai meses. Este Entroido é un dos máis madrugadores dos últimos anos e os que quedaron atrasados xa non atopan xastres por ningures.
Esta fin de semana arranca o Entroido en varias localidades do Triángulo Máxico. En Laza xa andan cos Venres de Folións e Xinzo de Limia comeza co Petardazo e o Domingo Fareleiro. Comeza a festa máis subversiva do ano, onde un pode rir de todo, pero sobre todo dun mesmo, e onde as regras e os roles cobran novos sentidos.
Un dos mellores Entroidos do mundo onde a diversión e o bo humor están asegurados ata o domingo 18 de febreiro.