Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza o xuízo polo dobre crime do Ceao, case 30 anos despois de producirse

Comeza o xuízo polo dobre crime do Ceao, case 30 anos despois de producirse

Carmen Balfagón, letrada da acusación: "O xuízo celébrase grazas ao tesón das familias, que pelexaron durante anos para que o caso non prescribise"

G24.gal 06/02/2023 09:23 Última actualización 06/02/2023 10:44

Despois de case trinta anos, arranca en Lugo o xuízo polo chamado dobre crime do Ceao. Un hostaleiro residente en Burgos senta no banco dos acusados polo asasinato de Elena e Esteban, dous empregados do supermercado Cash Record situado nunha nave do polígono lugués do Ceao.

Ese único sospeitoso do dobre crime será xulgado durante os próximos cinco días, xornadas sinaladas para a celebración do xuízo oral. En principio están citados para prestar declaración unhas 50 testemuñas.

A Audiencia Provincial de Lugo desestimou en abril o recurso de apelación da defensa e abriu xa naquel momento a porta á celebración de xuízo oral coa confirmación do procesamento do sospeitoso por dous delitos de asasinato, un delito de roubo con violencia nas persoas e un delito de tenencia ilícita de armas, de acordo con o auto emitido polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo -antigo xulgado de instrución-.

A Radio Galega entrevistou a Carmen Balfagón, letrada da acusación que representa as familias das dúas vítimas. Nunha entrevista sinalou que é a primeira vez en España que se celebra un xuízo por un caso cometido case trinta anos atrás.

"O meu maior respeto ás familias, que levan anos loitando para que a causa non prescribise. É algo sen precedentes na xustiza española".

A letrada prefire non avanzar que probas esgrimirá no xuízo contra o único acusado na causa. Afirma que son o resultado "das investigacións policiais que se fixeron durante anos". Segundo sinala: "Gustaríanos que foran máis profundas, pero con elas imos tentar gañar a causa".

Sobre esas cincuenta testemuñas que serán chamadas a declarar no xuízo explica que podían ser máis, pero algunhas, xa faleceron. As súas declaracións serán determinantes, como sinala Carmen Balfagón.

"Con estes casos tan longos algunhas testemuñas faleceron, pero temos o que temos e con iso imos tentar xogar. Estamos contentos porque Elena e Esteban terán un xuízo e esperamos que se faga xustiza".

A Fiscalía non presentou cargos contra o único acusado. As familias das vítimas piden para el 28 anos de cadea por dous delitos de asasinato e un de roubo con violencia. A letrada que as representa lembra o calvario que pasaron estas familias durante case trinta anos.

"Elena tiña dous fillos: un de seis anos e outro de catro. Matárona o Día da Nai. Son mortes inútiles só por levar un botín".

Ese botín non superaba os 5 millóns de pesetas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade