Comeza PortAmérica, o festival que auna música e gastronomía das dúas beiras do Atlántico
Comeza PortAmérica, o festival que auna música e gastronomía das dúas beiras do Atlántico
A décima edición celébrase durante tres días no concello de Portas
Dúas grandes propostas nunha, música e gastronomía nunha contorna natural. PortAmérica abre no concello de Portas a temporada de verán dos festivais e chega a súa décima edición. Toca reencontrarse despois de dous anos moi duros por mor da pandemia.
"Necesitámolo non só como parte da experiencia vital, un espazo de relación, de convivencia, senón tamén de darnos ánimos, de vernos outra vez as caras e facer ese reinicio que precisamos", di o director do festival, Kin Martínez.
O público mostrase ansioso por volver a PortAmérica. Algúns botan en falta que se faga na carballeira de Caldas, pero todos están contentos de poder gozar de tres días de música. Sobre todo os que o ano pasado non puideron gozar como agardaban a causa da chuvia.
Non faltarán á cita habituais como Xoel López e Lory Meyers, pero durante os próximos tres días haberá moito espazo no escenario de PortAmérica para a nova xeración de músicos e artistas emerxentes das dúas beiras do Atlántico, e claro, tamén galegos.
Nuno Pico, de Grande Amore estivo o ano pasado tocando con Ortiga pero este ano estrease no festival coa súa propia creación e síntese moi emocionado.
A parte gastronómica comezou cun pequeno espazo e hoxe xa ocupa un dos tres grandes escenarios. Pepe Solla está encantado de compartir a experiencia con outros 39 cociñeiros que durante tres días elaborarán 20.000 tapas para os asistentes os concertos.
"É emocionante chegar con compañeiros que nunca viñeran, como Eneko Atxa, Francis Paniego ou Ángel León e que se sorprenden cando ven isto tan bonito", explícanos o cociñeiro Pepe Solla.
Non se dan contado a de estrelas Michelin que acumulan os chefs presentes en PortAmérica. Por diante quedan xornadas de diversión, da mellor música aliñada coa mellor cociña ou de boa cociña aderezada con boa música, como prefiran.