Comeza unha folga de tres días en Correos polo abandono do servizo postal público
Os sindicatos insisten en que Correos perdeu xa máis de 7.000 empregos dos 55.000 que tiña en 2018
Correos subliñou nun comunicado que non existe plan algún de privatización
Os sindicatos CCOO e UXT, maioritarios en Correos, convocaron este mércores unha gran manifestación en Madrid e tres xornadas de folga xeral de ámbito nacional ata o venres, como protesta polo que cualifican como "sangría de emprego e contratos lixo" na empresa postal.
A representación legal dos traballadores de Correos reunirán en Madrid a milleiros de traballadores chegados de todas as partes de España. A mobilización comezará ás 12:00 na praza de Callao e finalizará fronte ao Congreso dos Deputados.
Os sindicatos insisten en que Correos perdeu xa máis de 7.000 empregos dos 55.000 que tiña en 2018, "colocándose no número de empregados máis baixo da súa historia", aseguran nunha nota conxunta.
Outro dos obxectivos que se perseguen coa folga é que Correos "está a ocultar a súa intención de incluír" na oferta de emprego máis de 3.000 postos parciais (40 % do total), "o que elevaría os empregos lixo actuais ata un inaceptable 30 % do total do persoal", comentan CCOO e UXT.
Correos subliñou nun comunicado que non existe plan algún de privatización, que tampouco hai un transvasamento de actividade de Correos a Correos Express e que non está a pechar oficinas nin centros de distribución.
En materia de emprego, a compañía postal di que se atopa inmersa nun proceso de transformación do seu modelo de negocio, sen privatización nin despedimentos e cualifica como "falso" que Correos se vaia fragmentar.
Os sindicatos cualifican de éxito o primeiro día de folga
Os sindicatos CCOO e UXT cualificaron de "éxito" as horas iniciais do primeiro dos tres días de folga que convocaron ata o venres en Correos, cun seguimento do 80 % dos empregados e a paralización das rutas de transporte do correo nos centros das principais cidades de España.
Correos, apuntan os sindicatos nunha nota, viuse obrigado a paralizar as rutas de transporte nos centros de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Valladolid, Zaragoza, Alacante, As Palmas, Málaga, Bilbao, Tenerife, Santiago, Vitoria, Selecta, Mérida, Oviedo e Mallorca.
O seguimento da convocatoria "foi masivo" na quenda de noite nos 22 grandes centros de Correos que traballan nesa quenda, como os de tratamento automatizado, loxísticos e o internacional de Barallas, engaden.
Segundo os sindicatos maioritarios, o "amplo seguimento" da folga na quenda de noite "provocou que se paralizasen ou suspendesen case na súa totalidade" as rutas do transporte do correo cara aos principais centros de distribución postal, que utilizan a rede nocturna de transporte para que o correo chegue aos centros á primeira hora da mañá.