Comezan a funcionar as consultas do Centro Integral de Saúde de Lugo
Comezan a funcionar as consultas do Centro Integral de Saúde de Lugo
É o primeiro centro deste tipo de Galicia e atenderá nesta primeira fase a 16.400 pacientes
Máis de 16.000 pacientes estrean dende hoxe consulta. Comezou a funcionar en Lugo o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia.
"O concepto é albergar aquí, dar unha prestación completa de todos os servizos de atención primaria", explica Ramón Ares, xerente da EOXI Lugo, Cervo e Monforte.
Arrancan con 12 consultas de medicina de familia e outras 12 de enfermería procedentes do centro da Milagrosa que tamén se vai reformar.
"Estabamos en precario polas condicións do edificio. Non había espazo e agora temos unhas instalacións envexables", sinala Carlos Álvarez, xefe de servizo do Centro Integral de Saúde de Lugo.
Xornada de nervios, apuro e dúbidas propio dos primeiros días de adaptación para profesionais e pacientes.
"É un día de moito traballo porque aínda temos que montar as salas, organizar as consultas e atender á xente que xa está aquí", relata Manuel González, coordinador de enfermería do CIS de Lugo.
Primeiros usuarios e primeiras impresións. "Encántame, estupendo, todo novo. Dá gusto ver as consultas todas perfectas", di unha usuaria á saída do centro.
O cambio de localización non incomoda os pacientes. "Eu antes estaba no outro lado e agora teño que vir aquí e perfectamente. Hai que andar cos mundos, e encima mellorando", comenta un paciente.
Nos vindeiros meses ampliaranse novos servizos cunha área de saúde mental con 22 consultas e espazos especializados.