Plan de reforzo do Sergas: así traballan os máis de 100 mir que axudan nos centros de saúde
Plan de reforzo do Sergas: así traballan os máis de 100 mir que axudan nos centros de saúde
O 86 por cento dos mir de Medicina de Familia e Comunitaria aceptaron entrar no programa de reforzo de verán
Os mir prestarán servizo nos centros de saúde e puntos de atención continuada, sempre baixo a supervisión dun titor. Son residentes de último curso, que xa deberían ter a especialidade, pero que van con atraso porque empezaron o ano da pandemia.
Clara Cancela é unha dos 103 mir que se acolleron á proposta da Consellería de Sanidade de reforzaren os centros de saúde durante o verán, para paliar o déficit de médicos nas vacacións estivais.
"Porque é unha forma tamén que teño eu para ter un pouco máis de experiencia. Non é moi distinto do que xa estou a facer agora. E, de paso, boto unha man aquí no centro de saúde", asegura.
Hoxe mesmo tivo unha urxencia á primeira hora e agora atende a súa cota de pacientes, en substitución da médica que está de vacacións. En caso de dúbida, teñen titores asignados en cada quenda.
"Sempre vou estar titorizada. Calquera dúbida que teña podo resolvela co titor. Non vai cambiar nada con respecto ao que estaba a facer ata agora", afirma Clara Cancela, mir de Atención Primaria
Clara está facendo a especialidade neste mesmo centro de saúde, no barrio ourensán da Cuña, e aquí seguirá tamén cando remate, cun contrato de tres anos, coma o resto dos residentes acollidos ao programa.
"É excelente para eles. Por primeira vez na historia deste centro, un médico de familia formado no centro vai continuar vinculado ao centro outros tres anos", di Xosé Luís Muíño, xefe de servizo do centro de saúde
O 86 por cento dos mir de Medicina de Familia e Comunitaria aceptaron entrar no programa de reforzo de verán, que implica que presten o servizo dous meses antes de concluíren a formación.