Rueda anuncia un "esforzo especial" para cubrir vacantes en Primaria e aspira a baixar máis impostos
Rueda anuncia un "esforzo especial" para cubrir vacantes en Primaria e aspira a baixar máis impostos
Rueda anuncia un "esforzo especial" para cubrir vacantes en Primaria e aspira a baixar máis impostos
O presidente da Xunta cualifica de surrealista que Pedro Sánchez aínda non o recibise
Sitúa entre as súas prioridades de mandato impulsar a "industrialización" e prevé que o ditame definitivo sobre Altri estea antes de fin de ano
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ten xa en mente este agosto as prioridades para o novo curso político. Entre elas está culminar o deseño dos orzamentos para 2025, pero tamén afrontar retos sanitarios e a mellora do primeiro nivel asistencial que, dada a falta de médicos, converteuse en constante obxecto de críticas.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, o xefe do Executivo galego reiterou que hai "unha importante falta" de facultativos e incidiu na responsabilidade do Ministerio de Sanidade en cuestións como a acreditación de unidades docentes.
"Imos facer un especial esforzo para cubrir todas as vacantes que poidamos en Primaria", sentenciou, antes de reivindicar a xestión do goberno popular, tras unhas semanas marcadas polo informe do Consello de Contas que apunta a un sobrecusto de 470 millóns polo modelo elixido para a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, aínda con Alberto Núñez Feijóo, agora líder do PP, como presidente galego.
Pero Rueda puxo o foco en que este verán se evidenciaron tamén os efectos das medidas autonómicas para paliar as carencias de facultativos que agudizan máis os problemas na sanidade durante o verán.
De feito, a Xunta trasladou que case 400 médicos colaboran de forma voluntaria no plan de reforzo activado por Sanidade. "Hai que ter a mente aberta a solucións innovadoras, pero con garantías", reivindicou e defendeu que, aínda que "chegar ao cen por cento da cobertura das prazas en Primaria vai ser moi complicado", si se deu "un paso importante" con respecto "á cobertura que había fai dúas ou tres anos". Niso prevé seguir avanzando.
"Espero anunciar novas rebaixas fiscais"
Si ten claro Rueda que non subirán os impostos e que a nova rebaixa fiscal na tributación de herdanzas para parentes colaterais que anunciou en campaña aplicarase "o ano que vén xa".
Máis aló, cre que "rebaixas fiscais si, pero con sentidiño", e lembrou que consolidar as reducións de impostos ten un impacto. En todo caso, matizou que "baixar impostos move a economía. "E eu espero anunciar novas rebaixas nesta lexislatura", remarcou.
O presidente galego non ocultou o seu malestar polo feito de que o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, non o recibira malia que tomou posesión do seu cargo en abril. Volverá esixir ser recibido, pero cre que esta situación "surrealista" só evidencia o trato do Goberno a Galicia.
"Entendín os fallos clamorosos e garrafais os primeiros días, pero non houbo nin unha soa palabra, nin un só compromiso, nin unha acción" para mellorar a situación, queixouse Rueda, quen tamén afeou que o ministro de Transportes, Óscar Puente, lle envíe cartas cun "ton" que cuestionou, como a misiva en que o retaba a financiar o AVE con Portugal, no canto de actuar.
Sobre o comportamento do ministro tamén en redes sociais, afirmou que o ve "impropio" dun representante público. "A min o que me importa é que sexa un ministro eficaz. Moito máis que empezar a discutir as súas actitudes persoais. El saberá. As persoas pasan, pero as obras non", esgrimiu.
Ao preguntarlle sobre a AP-9 e o foco de Bruxelas na prórroga da concesión a Audasa, Rueda replicou que espera que, pase o que pase, non se utilice como "escusa" para evitar avanzar no traspaso da competencia, e lembrou aos socialistas o compromiso da "gratuidade" que adquiriron na campaña galega.
En canto ás autoestradas de titularidade autonómica (AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Puxeiros-Val Miñor), lembrou que a Xunta conxelou as peaxes e, aínda que lle gustaría que fosen gratis, argumentou que, polo momento, non o ve "viable".
Altri e paralización de eólicos
Rueda tamén confesou que unha das súas prioridades será apostar pola "industrialización" de Galicia e reiterou a importancia que teñen os fondos Next Generation. Co proxecto de Altri en Palas de Rei no foco e tras os primeiros informes, prevé a resolución definitiva antes de fin de ano. Terá luz verde, dixo, se así o deciden os técnicos.
Non en balde, alegou que dicir que "non" por motivacións "políticas" se o proxecto "cumpre" sentaría un mal precedente. E sobre o "silencio" do Goberno en relación ao financiamento deste proxecto, afeou que "empeza a ser mosqueante". "Parece que non lles gusta nada que en Galicia haxa proxectos industriais", reprobou.