Comezan a funcionar os autobuses que unen Vigo coa Lavacolla
Comezan a funcionar os autobuses que unen Vigo coa Lavacolla
Son tres frecuencias diarias en ambos sentidos, dende a estación intermodal de Vigo ata o aeroporto Rosalía de Castro
A Xunta activa estas liñas para dar servizo aos pasaxeiros afectados polas obras en Peinador, que vai estar pechado ata o 31 de maio
Os paneis informativos da estación intermodal de Vigo aínda non recollían esta mañá o novo servizo de autobús directo ao aeroporto Rosalía de Castro.
"Teño un voo dende Santiago, e quero saber a que hora sae o autobús que vai directo ao aeroporto. Preguntei aquí no mostrador e aínda estou esperando a resposta", comenta un pasaxeiro, agardando pola información na estacion intermodal de Vigo.
Son tres as frecuencias, de ida e volta, que conectan Vigo coa Lavacolla, que a Xunta activou polo peche de Peinador a causa das obras na pista. O primeiro autobús sae ás 4:30 da madrugada da intermodal viguesa e fai parada en Pontevedra. É a única frecuencia de nova creación. Os dous seguintes coches saen ás 7:35 e ás 10:45. Son autobuses que cobren a liña regular coa Coruña, pero desvíanse para deixar pasaxeiros no aeroporto de Santiago.
"A alternativa é o tren, ou un autobús ata a estación de autobuses de Santiago e logo alí coller o bus ao aeroporto. Pero este xa vai directo e é moito máis cómodo, claro", sinala a única usuaria con destino á Lavacolla que ía coller o bus das 10:45.
De volta á Vigo, hai dous autobuses pola mañá, ás 8:45 e ás 12:40, e un pola tarde, ás 18:45. Os traxectos duran unha hora e media en ambos sentidos.