Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comezan os traballos para levantar a duna de Riazor, que protexerá o paseo marítimo dos temporais

Comezan os traballos para levantar a duna de Riazor, que protexerá o paseo marítimo dos temporais

Desde este luns e, previsiblemente, ata o venres, dúas máquinas bulldozer amontoarán a area para dar forma á estrutura, que superará os dous metros de altura nalgúns puntos

A duna, que se levantou por primeira vez en 1995 como resposta a un forte temporal, permanecerá en Riazor ata mediados de maio do ano que vén

G24.gal 21/10/2024 15:23

A concelleira de Medio Ambiente da Coruña, Yoya Neira, visitou este luns a praia de Riazor, onde xa se está construíndo a duna de area que protexerá o Paseo marítimo dos posibles temporais costeiros na próxima tempada invernal.

Desde este luns e, previsiblemente, ata o venres, dúas máquinas bulldozer amontoarán a area para dar forma á estrutura, que superará os dous metros de altura nalgúns puntos. Unha terceira máquina, unha retroescavadora, perfilará a duna para que a súa función de barreira fronte ao mar sexa a adecuada.

"A experiencia de case vinte anos nestes traballos mellorou o noso coñecemento sobre a construción da duna para que sexa o máis efectiva posible", sinalou Neira.

A concelleira lembrou que os técnicos de Medio Ambiente revisarán de maneira continua a estrutura para reforzala ante fenómenos costeiros de especial magnitude, en caso de ser necesario.

A duna de Riazor levantouse por primeira vez no ano 1995 como resposta a un forte temporal que derrubou a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao seu paso por este areal. Este tipo de situacións meteorolóxicas danse entre unha e tres veces ao ano de media.

A duna permanecerá en Riazor ata mediados de maio do ano que vén, data na que será retirada para deixar as praias preparadas para a tempada de baño a partir do 15 de xuño de 2025.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade