Comezou a vendima na Denominación de Orixe Ribeiro
Comezou a vendima na Denominación de Orixe Ribeiro
Neste viñedo da Arnoia recollen uva das variedades Lado e Treixadura. Empezaron a vendimar hai tres días e contan que aínda lles queda outro tanto. Dos seus viñedos sairán este ano arredor de 16 mil quilos de uva.
"Eu creo que a calidade vai ser moi boa despois xa da seca que tivemos. Como son cepas que teñen xa anos, cepas moi vellas, aguantaron bastante ben a seca e eu creo que vai ser unha colleita boa." Conta o adegueiro José Estévez.
No consello regulador pensan do mesmo xeito. Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro:
"As condicións meteorolóxicas aínda que non foron as máis idóneas porque evidentemente con estas ondas de calor a cepa sempre se estresa algo máis da conta, pero si que é certo que vai beneficiar noutros parámetros: a calidade sanitaria da uva é moi boa, e a calidade do Ribeiro vai ser espectacular este ano. Ademais este ano vai ser especialmente bo para esa xoia enolóxica que temos que é o Tostado do Ribeiro".
Os acios son este ano algo máis pequenos por mor das condicións climatolóxicas polo que o rendemento da colleita podería ser algo menor, pero aínda así confían en recoller arredor de 9 millóns e medio de quilos de uva. O cincuenta por cento da variedade treixadura. Algunha está xa entrando nas adegas.
"Esta é unha adega de colleiteiro e temos dobre traballo: viño e adega. O que facemos é recepcionar toda a uva, despalillar, metémola na prensa onde facemos unha maceración e obtemos o mosto. Esa é a parte que estamos facendo hoxe, obter un mosto para despois desfangar e seguir todo o proceso de elaboración do viño", explica o adegueiro Mauro Estévez.
No Ribeiro quedan por diante arredor de dúas semanas de traballo intenso nos viñedos.