Comezou o operativo para retirar as narcolanchas das praias de Ribeira
Comezou o operativo para retirar as narcolanchas das praias de Ribeira
As planadoras transportaron un importante alixo de cocaína que descargaron de madrugada
A Policía investiga a aparición das narcolanchas abandonadas na costa de Ribeira. Segundo puido confirmar a Televisión de Galicia, as planadoras transportaron un importante alixo de cocaína, que descargaron de madrugada.
Pasaron a noite custodiadas pola Policía Nacional. E a primeira hora da mañá retomouse o operativo para retirar as dúas narcolanchas dos areais de Ribeira.
"Preparar todo para intentar remolcar a embarcación cando suba a marea", explica Antonio Santiago Rodríguez, xefe de base de Vixilancia Aduaneira da Coruña.
E remolcala por mar ata Vilagarcía coa axuda dunha embarcación de Aduanas. O operativo deseñado para a praia de Espiñeirido, onde se atopa a segunda narcolancha, pretende trasladala por terra.
"A outra lancha está irrecuperable. Levaremola a un depósito xudicial. Non é como esta, unha embarcación operativa, en bo estado, que está perfectamente para navegar" asegura Antonio Santiago Rodríguez, xefe de base de Vixilancia Aduaneira da Coruña.
De idénticas características ás que se empregan no tráfico de drogas por mar. De grandes dimensións, 12 metros de eslora e moi potentes, con dous e tres motores de trescentos cabalos cada un.
Apareceron baleiras de carga, con combustible nos depósitos. Os investigadores sospeitan que participaron nunha importante descarga de droga, un alixo de cocaína aínda por localizar, e que, segundo as primeiras hipóteses, se desembarcou nun punto distinto a onde abandonaron as embarcacións.