Comisan 200 quilos de marisco nunha nasa ilegal no porto de Camelle
Comisan 200 quilos de marisco nunha nasa ilegal no porto de Camelle
Presión policial sobre o furtivismo tivo éxito nunha nova operación, desta volta en Camelle. Os mergulladores da Policía atoparon unha nasa con 200 quilos de marisco, listos para vender cando acadasen o prezo máis alto.
A nasa estaba agochada no porto de Camelle. Medía máis dun metro e o seu interior contiña 200 quilos de crustáceos listos para introducir no mercado negro. Estaba amarrada cuns cabos e ancorada ao fondo.
Fernando Molina, xefe do ERPOL da policía autononómica: "Cando quedaban 15 segundos de aire nas botellas atopámola a 5 metros de profundidade. Estaba tapada cunhas algas e houbo que cortala. Non puidemos subila ao barco gardacostas e tivemos que remolcala e sacala no porto"
O ERPOL, o Equipo de Resposta Policial, empezou a traballar en outubro integrado por cinco mergulladores formados para loitar contra un furtivismo cada vez máis sofisticado. En tres meses descubriron varios aparellos calados ilegalmente.
Fernando Molina, xefe do ERPOL: "En Cangas atopamos un (aparello) de 800 metros que cruzaba toda a praia de Cangas e en Ferrol descubrimos outro na zona da Redonda e tiña sobre 450 metros".
En total, lévanse comisados 2.600 quilos de marisco desde outubro.