Os axentes sociais asinan este mércores o acordo salarial
Os axentes sociais asinan este mércores o acordo salarial
CCOO ratificou este martes o pacto
O Goberno non participará no acto porque "é un acordo bipartito"
O último gran pacto social da lexislatura non se vai parecer aos anteriores. Nin será na Moncloa nin van participar membros do Goberno.
"Non estamos vetando a ninguén, só estamos dicindo que é algo interno noso e queremos ensinarllo ao público", explicaba Antonio Garamendi, presidente da CEOE.
No último acordo sobre a negociación colectiva, hai 5 anos, si houbo ministros, pero daquela non estabamos a 3 semanas dunhas eleccións. Asinarase este mércores, despois de que os órganos de dirección de Comisións Obreiras, a parte que faltaba, o ratificara.
"É un acordo determinante para que os 1.300 convenios colectivos por negociar este ano recollan incrementos salariais que lles permitan aos traballadores recuperar o poder adquisitivo", cre Unai Sordo, secretario xeral de Comisións Obreiras.
Ademais do 10% de suba salarial, que pode ser do 13% se a inflación segue alta, o acordo recoñece o dereito dos traballadores á desconexión dixital, regula o teletraballo e fomenta as reducións de xornada ou os ERTE como alternativa ao despedimento.
"É bo para o país, é bo para os traballadores, que deamos este sinal, un sinal que ten que xerar estabilidade e confianza", afirmou Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT.
Coa sinatura deste mércores, os axentes sociais din que a paz social está garantida ata 2025.