Como facer o tránsito á xubilación
É importante planificala e buscar novas motivacións para manterse activo
A xubilación non é un punto e final pode traer satisfacción e benestar
O aumento da esperanza de vida fai que a xubilación sexa unha etapa moi importante na vida das persoas.
"Estou desexando parar e cambiar de estilo de vida, xa traballei moitos anos", conta unha muller que está a piques da xubilación
Non é simplemente a retirada da vida laboral senón dunha etapa de transformación e de oportunidades. De como planificala para que teña éxito falouse esta mañá na Fundación Abanca, onde se presentaron as conclusións dun estudo realizado conxuntamente coa Universidade de Comillas
"É unha oportunidade, é unha nova etapa de vida onde as persoas podemos reconectar co noso propósito, co noso sentido e brindar todo o noso coñecemento e toda a nosa experiencia e devolverlla á sociedade", explica Rosalía Mota, investigadora do estudo
Atopar novas afeccións e poder ter un maior control sobre as súas propias vidas é un dos principais alicientes.
"Non me supuxo un trauma porque xa busquei outras actividades como a fotografía", comenta un xubilado
Para outros, esta transición resulta máis complicada. "Sentín nun principio como un baleiro, como unha caída, como que non sabía que facer co meu tempo libre", sincérase Dolores Pedrouso, xubilada que participou no estudo.
O apoio da familia e os amigos son claves.
Macarena Sánchez-Izquierdo, investigadora do estudo, fala sobre un bo xeito de pasar o tempo e socializar: "Espazo +60 faino fenomenal, dá a posibilidade de participar en actividades que sexan importantes e significativas para cada un de nós".
"Agora estou empezando, grazas á fundación, con actividades e outros temas e estou empezando a adaptarme a ese período e incluso a desfrutalo", conclúe Dolores Pedrouso.