Compra un iPhone para a filla e recibe unha lata con comida para gatos
Compra un iPhone para a filla e recibe unha lata con comida para gatos
A plataforma non se fai responsable: pediulle que devolvese o móbil que non recibiu
Hai constancia doutros envíos coa mesma comida para gatos
"Decidín comprarlle un agasallo á miña filla, que facía 18 anos, e estirarme un pouco e comprarlle un teléfono, cunha marca coñecida, que me custaba 500 euros", explica Manuel Ángel Fole, vítima dunha estafa.
Era un agasallo para a filla, pero a sorpresa levouna el. Ao abrir o paquete quedáronlle os ollos coma pratos.
"Ao coller o paquete vin que pesaba pouco, pero cal foi a miña sorpresa ao ver que, en lugar do iPhone, me viña unha lata de comida para gatos, unha latiña pequena", engade.
A partir de aí, benvido ao temible periplo das reclamacións.
"Unha vez que lles enviei as fotos, contestáronme que lles enviase o produto recibido, enviei a lata de comida de gatos e a miña sorpresa foi cando me envía un correo electrónico Amazon e me reclama por que mando iso e non envío o móbil", relata atónito este veciño de Monforte, residente en Santiago.
Rocambolesco! Manuel é un dos afectados, pero non o único.
O mesmo caso repítese nas redes. Recentemente denunciáronse polo menos outros dous en España, co mesmo modus operandi. A dúbida é onde se produce o cambiazo.
Manuel desconfía, por lóxica pero sen probas, de que sexa unha única persoa, que se oculta na ampla rede de distribución e loxística. Aínda así, pon o acento no vendedor.
"En Valencia sucedeu o mesmo e o patrón é exactamente igual, a mesma marca, o mesmo tamaño de lata... despois, eu indaguei por Internet e en Tenerife tamén. Eu entendo que Amazon como plataforma ten que ter coñecemento de todo isto", lamenta Manuel Ángel Fole.
Manuel seguirá comprando en liña, pero, de entrada, decidiu ir a unha tenda física e a súa filla xa ten o móbil que quería.