Publicador de contidos
Publicador de contidos

Con máis de 600 aldeas cun só habitante, Lugo é a provincia con máis residentes solitarios

Con máis de 600 aldeas cun só habitante, Lugo é a provincia con máis residentes solitarios

En preto de 400 núcleos de poboación, son homes os que viven sen veciño ningún  

Félix Aragunde 29/01/2024 13:47

Castromeixe, no concello de Sarria, é un dos máis de 600 núcleos de poboación lucenses cun único habitante. Este número de aldeas cun só veciño practicamente duplica o da Coruña, que con 360 lugares é a seguinte provincia na lista.

A maior parte dos residentes solitarios son varóns, con case 400, fronte ás 243 mulleres que viven sen veciños. É o caso desta aldea pertencente á parroquia sarriá de Biville, onde só reside un home.

Trátase de Manuel López Taboada, que en tres meses será octoxenario e que leva case 30 anos neste lugar, dende que retornou de Suíza, sen máis compaña que a do gando que mantén. Así e todo, asegura que prefire seguir vivindo só a estar a desgusto cos veciños. 

Manuel López Taboada, veciño solitario: "Sempre que fora xente coa que se puidera convivir, pareceríame ben. Agora, se vén xente maleante... Suponse que non vai vir ninguén, porque hai aí unha casa á venda, pero nada".

Como o seu propio nome indica, Castromeixe sitúase sobre un antigo asentamento humano que data da Idade de Ferro. O día que Manolo non estea, será a primeira vez que non viva ninguén neste lugar en miles de anos.

Manuel López Taboada, veciño solitario: "Aquí onde estamos pisando xa é castro. Empezaba aí abaixo e en tempos foi enchido. Traerían a terra quen sabe de onde, suponse que a cestos. Isto é moi antigo".

Como dato indicativo dun cambio de tendencia, este último ano foi o primeiro en décadas en que na provincia de Lugo descendeu o número de aldeas cun só habitante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade