O Foro sobre a España Rural busca en Galicia proxectos para loitar contra o despoboamento
O Foro sobre a España Rural busca en Galicia proxectos para loitar contra o despoboamento
O Fondo Social Europeo, a través da Fundación Mapfre, prevé destinar aquí ata 30 millóns de euros en axudas ata 2027 para lograr un rural vivo
O presidente da Xunta calcula que o sobrecusto sos servizos públicos no rural supera os 500 millóns
A Fundación Mapfre é organismo intermediario do Fondo Social Europeo e anda na procura de proxectos que faciliten o emprego no rural. Nas mesas redondas falouse de que non debemos asociar o rural só con actividades agrogandeiras e turismo. Afondar na dixitalizacion permite calquera tipo de traballo, por exemplo, no sector cultural ou tecnolóxico.
"A xente vaiche vivir onde poida traballar, entón o que temos que facer é que no rural, que xa é atractivo de por si, a xente teña esas ferramentas e oportunidades", dixo Carlos Martínez, o Alcalde de Vedra
"E se se emprendía nun garaxe de Silicon Valey, por que non vas emprender nun territorio onde hai uns recursos naturais espectaculares? Nós estamos poñendo en marcha un proxecto que se chama Palleiras Valley, e estamos reconstruíndo esas palleiras de pedra, madeira, lousa... Temos casas sen xente e xente sen casa, e claramente aí hai que actuar", engadiu Juan Carlos Pérez, o CEO de Aldealista.
O foro abordou tamén a necesidade de que os mozos teñan acceso á información sobre as axudas para emprender no rural e de fomentar a remuda nos negocios xa existentes. Debateu en especial a necesidade dun novo modelo de coidados
"Este considérase un territorio dos azuis, porque se considera que vai haber moita xente maior con moi boa calidade de vida e moi lonxeva, e temos que prepararnos para atendela", explicou Lola Molla, a Directora de Fondos Sociais da Fundación Mapfre
Durante a inauguración deste foro, a infanta Elena subliñou o obxectivo social de promover a igualdade entre os cidadáns de todos os territorios.
Un sobrecusto de 500 millóns para Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cifra en "ao redor de 500 millóns de euros" o sobrecusto de prestación de servizos no rural galego debido a unha poboación dispersa e envellecida. "E creo que quedamos curtos", sostén.
No peche do foro Desafíos e Oportunidades da España rural, que organiza a Fundación Mapfre en colaboración coa Xunta en Santiago, Rueda subliña que "hai que ser capaz de prestar eses servizos", pois non se pode deixar que "se alonguen esas diferenzas" entre vivir no rural e contornas urbanas, xa que "a ese desafío hai que darlle solución".
Así, puxo en valor diferentes iniciativas "pioneiras" da Xunta, tales como casas niño de 0 a 3 anos, casas do maior, bonos coidado e Xantar na Casa, ademais de 14 polos de emprendemento.
Apela a "tentar por todos os medios" atraer mozos ao rural e que queden. Apunta a que "hai talento no rural" e deben "tomarse máis en serio" fenómenos como os dos nómades dixitais, que espera "se xeneralicen moitísimo máis".