Concentracións de protesta pola morte de decenas de migrantes en Melilla
Concentracións de protesta pola morte de decenas de migrantes en Melilla
Marrocos comunica 23 falecidos no intento de saltar o valado
As ONG elevan a 37 a cifra de vítimas
Este domingo celébranse en diversas cidades españolas concentracións de protesta pola morte de decenas de migrantes subsaharianos durante o intento de saltar o valado que separa Marrocos de Melilla.
A cifra de falecidos vai variando co paso das horas e en función da fonte. As autoridades de Nador comunicaron, na noite do sábado, a morte doutros cinco migrantes que estaban no hospital, e elevan a 23 o número de vítimas. A asociación marroquí de dereitos humanos fala de 27 mortos, e a ONG española Caminando Fronteras asegura que morreron 37.
Marrocos detivo a metade dos 2.000 migrantes que intentaban cruzar, e xa trasladou case todos a outros lugares do centro do país. Este domingo, Bruxelas mostrou o seu apoio á política migratoria do Goberno español.