Publicador de contidos
Publicador de contidos

Concentracións en toda Galicia para mostrar a súa repulsa pola morte violenta de Jéssica Méndez

Concentracións en toda Galicia para mostrar a súa repulsa pola morte violenta de Jéssica Méndez

Ás 20 horas haberá concentracións nas sete cidades e en moitas vilas de Galicia

G24.gal 22/03/2022 12:10

Os colectivos feministas organizaron este martes mobilizacións en toda Galicia para mostrar a súa repulsa pola morte violenta de Jéssica Méndez, de 29 anos, asasinada supostamente por José Eirín, de 41, finxindo un accidente de tráfico ao arremeter o seu coche contra o dela.

A convocatoria das concentracións está feita para as oito da tarde nas cidades, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol, Vigo e Vilagarcía, e tamén en moitas vilas como A Guarda, As Pontes, Ames, Betanzos, Carballo, Carnota, Catoira, Moaña, O Porriño, e Poio.

O tráxico suceso produciuse o xoves pasado ás nove e media, en Barro. Alí a moza, que estaba parada nun sinal de stop, sufriu o impacto dun turismo que circulaba a grande velocidade. Como consecuencia do accidente, a moza sufriu feridas graves e quedou xa no momento en estado crítico;  finalmente faleceu no hospital Álvaro Cunqueiro ao día seguinte. O impacto produciuse na N-550, á altura do lugar de Porráns, nun cruzamento.

Ese mesmo día foi detido o presunto autor do crime, un home que nunca foi a súa parella pero que aparentemente estaba obsesionado, ata o punto de que a moza tivo que cambiar de teléfono e tomar outras medidas.

O detido, José Eirín, xa fora denunciado por picar as rodas do coche do pai da vítima. As casas familiares dun e doutro están a pouca distancia en Barro.

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis decretou este luns prisión provisional comunicada e sen fianza para o home, tras prestar esta declaración no xulgado. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia indicou que está pendente a cualificación, é dicir, aclarar se se trata dun homicidio ou dun asasinato. Os cargos especificaranse ao longo da fase de investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade