Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Lei de familias sae do Consello de Ministros, pero sen prohibir o 'pin parental'

A Lei de familias sae do Consello de Ministros, pero sen prohibir o 'pin parental'

Conciliación, equiparación e permisos para facer fronte á "emerxencia da conciliación"

A ministra de Asuntos Sociais, Ione Belarra, non participa na conferencia de prensa tras o Consello de Ministros. A voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, xustifica a ausencia por non haber cambios substanciais desde a presentación do anteproxecto

G24.gal 28/03/2023 11:34 Última actualización 28/03/2023 21:01

O Consello de Ministros aprobou este martes, en segunda lectura, a Lei de familias que equipara os dereitos das parellas de feito aos dos matrimonios, inclúe un permiso retribuído de cinco días ao ano por coidado dun familiar ou convivente e estende os beneficios de familias numerosas a monoparentais con dous fillos.

O cambio máis substancial respecto a primeira versión do anteproxecto aprobado o pasado mes de decembro é que non prohibe o 'pin parental', unha medida retirada finalmente por recomendación do Consello de Estado.

Desde o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 que dirixe a ministra Ione Belarra defenden a lei desde catro piares principais: a ampliación da protección social ás familias e o apoio á crianza; avanzar na garantía do dereito á conciliación; o pleno recoñecemento dos distintos tipos de familias, e o recoñecemento e protección dos dereitos dos nenos e adolescentes.

Non obstante, a ministra Belarra non participou na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros. Anunciou a aprobación por parte do Goberno desde a súa conta en twitter, nun vídeo no que explica a norma para abordar a "emerxencia da conciliación".

Nesa comparecencia tras o Consello de Ministros, a ministra portavoz, Isabel Rodríguez, xustificou a ausencia de Belarra porque xa compareceu no seu día para presentar o anteproxecto e non houbo cambios substanciais, e considerou que hoxe había asuntos informativamente prioritarios.

Protección social e apoio á crianza

A renda crianza de 100 euros ao mes esténdese a máis familias con fillos e fillas de 0 a 3 anos. Xa non a cobrarán só as nais traballadoras, senón tamén aquelas que están en paro ou cotizasen cando menos un mes. A medida incluída na lei xa está en vigor desde xaneiro.

Créase a denominación de 'familias con maiores necesidades de apoio á crianza', en que se inclúen as familias numerosas, ademais das monomarentais con dous fillos; as familias con dous fillos onde un ascendente ou descendente teña discapacidade; as familias con dous fillos encabezadas por unha vítima de violencia de xénero ou por un cónxuxe que obtivese a garda e custodia exclusiva sen dereito a pensión de alimentos, e as familias con dous fillos na que un proxenitor estea en tratamento hospitalario durante un ano ou ingresase en prisión.

Pasarán a considerarse familia con maiores necesidades de apoio á crianza "de categoría especial" as familias que ata o de agora eran consideradas numerosas de categoría xeral como aquelas con catro fillos, no canto de cinco como ata o momento; as familias con tres fillos en caso de parto múltiple, no canto de catro como na actualidade, e as familias con tres fillos e baixos ingresos (ata o 150 % do IPREM).

Dereito á conciliación  

A lei crea tres permisos de coidados para garantir o dereito a conciliación. O primeiro deles é un permiso por coidado de cinco días ao ano, retribuídos, para atender a un familiar ata segundo grao ou convivente. Os traballadores ou traballadoras poderán utilizalo en caso de accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que necesite repouso.

Tamén inclúe un permiso parental de oito semanas, que se poderán gozar de forma continua ou descontinua, ata que o menor faga oito anos; e un permiso de catro días por ausencia para atender un familiar que requira atención inmediata, que se poderá gozar por horas.

Distintos tipos de familia

A lei avanza na equiparación de dereitos entre os matrimonios e as parellas de feito, posto que estas últimas terán acceso aos 15 días de permiso por rexistro equiparables ao matrimonio.

A lei xera así mesmo un novo marco de recoñecemento e protección para as familias LGTBI, con algún membro con discapacidade, familias múltiples, reconstituídas, adoptivas ou acolledoras.

En concreto, as familias múltiples, é dicir, aquelas que teñen varios fillos ou fillas á vez, serán consideradas como colectivo de especial protección e os fillos e fillas de parellas non casadas poderán ser inscritos no rexistro polo proxenitor non xestante.

A lei, unha vez publicado como proxecto no Boletín Oficial do Estado, irá a debate parlamentario por vía de urxencia, coa intención de que entre en vigor nesta lexislatura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos