Condenado a 25 anos de cárcere o home que matou a súa veciña en Tirán
Condenado a 25 anos de cárcere o home que matou a súa veciña en Tirán
En 2021 entrou roubar na casa da muller e matouna tras agredila "de maneira inesperada e sen que puidera defenderse"
A Audiencia de Pontevedra impuxo 25 anos de prisión para o home que, en xullo de 2021, matou a súa veciña en Tirán (Moaña), unha muller septuaxenaria, tras entrar roubar na súa vivenda.
O tribunal, de acordo co veredicto do xurado popular, considérao autor dun delito de roubo en casa habitada en grao de tentativa e dun delito de asasinato mediante aleivosía e para facilitar a comisión do roubo.
Na sentenza, os maxistrados lembran que o xurado considerou probado que o acusado accedeu ao domicilio da vítima o 3 de xullo de 2021 "coa intención de apoderarse de obxectos de valor, sen que conste que levase nada".
Para iso, relata a sentenza xudicial, agrediu a vítima "de maneira inesperada e sen que puidese defenderse", golpeándoa en distintas partes do corpo e matándoa por asfixia, despois de poñerlle unha corda ao pescozo e inmobilizala atándolle as mans ás costas.
O tribunal, que cualifica de "brutal" o ataque que recibiu a muller "de maneira súbita" no interior do seu propio domicilio, considera que foi un crime con aleivosía.
A este respecto, destaca que "non deixan lugar a dúbidas" a persistencia das acometidas físicas que recibiu a vítima, a persecución e as dúas ataduras feitas "para eliminar a máis mínima posibilidade de defensa e para finalmente afogala".
A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.