Condenado o Concello de Ourense e un exedil de Seguridade por acoso a unha policía local

A sentenza di que a conduta do exconcelleiro foi apoiada polo alcalde Pérez Jácome con manifestacións públicas "que afectan á dignidade da traballadora”

G24.gal 30/11/2023 18:41

O Xulgado do Social Número 1 de Ourense condenou o Concello de Ourense, presidido por Gonzalo Pérez Jácome, e o exedil de Seguridade Cidadá Telmo Ucha por infrinxir a normativa de prevención de riscos laborais en relación coa intendente xefe da Policía Local, e ordena indemnizar a afectada con 30.000 euros por un caso de acoso.

Na sentenza, o maxistrado considera que "existiron actos de acoso" por parte do exconcelleiro á intendente de Policía e precisa que hai que falar de dous períodos diferentes, “unha primeira fase de mero conflito laboral” e, unha segunda, “en que xa se aprecian os actos constitutivos de acoso”.

Telmo Ucha foi nomeado edil de Seguridade o 23 de setembro de 2020 e a intendente demandouno no anterior mandato. Ademais, a sentenza conclúe que o alcalde Gonzalo Pérez Jácome apoiou a Ucha con manifestacións que ían contra a dignidade da traballadora.

O maxistrado considera acreditado que a muller foi obxecto "dunha conduta de acoso por parte do demandado, mesmo apoiada polo señor alcalde con algúns actos, que, no canto de protexer a saúde da traballadora cando presentou a denuncia por acoso, realizou manifestacións publicamente que afectan á dignidade da traballadora”.

"Resulta claro que o Concello demandado infrinxiu a normativa de prevención de riscos laborais, en concreto o disposto no artigo 14.1 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, que establece o deber de todo empregador de protexer os traballadores fronte aos riscos laborais", recolle a resolución.

A sentenza non é firme e contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade