Condenan a cinco anos de cárcere o agresor de Rajoy por intentar asasinar un xornalista
Condenan a cinco anos de cárcere o agresor de Rajoy por intentar asasinar un xornalista
O mozo entrou na redacción de La Voz de Galicia en Pontevedra en xullo de 2023 e acoitelou un redactor
A Audiencia de Pontevedra condenou a cinco anos de prisión a Andrés de Vicente Fuentes, coñecido como Capi, o mozo que agrediu en 2015 o entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, por tentar asasinar un xornalista en Pontevedra.
O tribunal considerouno autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, dun delito de danos e doutro delito de resistencia a axentes da autoridade, coa concorrencia, en todos eles, da eximente incompleta de alteración psíquica e a atenuante de reparación do dano.
Os maxistrados consideran probado que Capi accedeu o 14 de xullo de 2023 á redacción de La Voz de Galicia en Pontevedra e, xa dentro, comezou a reprocharlle a unha traballadora "que quixesen acabar coa súa vida publicando mentiras".
Acto seguido, subliña a sentenza, comezou a golpear distintos obxectos da oficina, tales como monitores de computador, teclados e un televisor, cun rolo de cociña de madeira.
Ao escoitar o estrondo, un xornalista que estaba a traballar na redacción achegouse á entrada, onde se atopou co procesado. O mozo berroulle "mátote, mátote!", levantou o rolo de madeira e dirixiuno á cabeza da vítima, que logrou cubrirse co seu brazo esquerdo.
Tras este primeiro ataque "con sostido ánimo de causarlle a morte, de forma repentina e sen dar opción a encarar o ataque", o mozo sacou de entre as súas roupas un coitelo de cociña e, dicíndolle novamente, de maneira reiterada, que o ía a matar, asaltou o xornalista.
O afectado, que sufriu acometidas no tórax, no brazo e nas mans coas que se cubría, conseguiu fuxir cara á rúa.
Os maxistrados indican que o procesado se resistiu á detención, lanzándolles patadas e golpes aos axentes cando ían suxeitalo polos brazos.
Un dos axentes caeu ao chan e sufriu diversas lesións.
O tribunal sostén que os instrumentos utilizados, a reiteración, a conduta do acusado e as zonas do corpo ás que ían dirixidos os golpes acreditan o "ánimo de matar" na súa acción, a pesar de que finalmente só lograse causar lesións superficiais.
Capi, engade a Sala na súa resolución, está diagnosticado de diferentes patoloxías, o que motivou que, cando sucederon os feitos, as súas facultades volitivas estivesen afectadas de maneira importante, mantendo conservadas as súas facultades intelectivas.
Xunto coa pena de cárcere, a sentenza impúxolle o pago dunha multa de 1.620 euros, o pago de 1.281 euros ao Servizo Galego de Saúde e a prohibición de aproximarse a La Voz de Galicia, a todos os seus centros de traballo, sedes e delegacións por un período de cinco anos.
O tribunal tamén acordou a imposición dunha medida de seguridade consistente no internamento nun centro psiquiátrico adecuado aos seus padecementos.
Deberá ser en réxime pechado por un período que non poderá baixar de dous anos nin exceder de cinco e que deberá cumprirse antes que a pena de prisión imposta.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.