Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan o alcalde de Dozón pola morte dun operario en Frigodeza

Condenan o alcalde de Dozón pola morte dun operario en Frigodeza

O rexedor Adolfo Campos era conselleiro delegado na empresa no momento do accidente

Condénao por un delito contra os dereitos dos traballadores ás penas de cinco meses e 15 días de prisión e por homicidio por imprudencia grave a un ano e sete meses

Frigodeza. Imaxe de arquivo Frigodeza. Imaxe de arquivo
G24.gal 19/06/2024 18:27 Última actualización 19/06/2024 18:45

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra condenou o actual alcalde do municipio pontevedrés de Dozón, Adolfo Campos, pola morte dun operario na empresa na que era conselleiro delegado en 2020, Frigodeza. Tamén se condena ao encargado, nunha sentenza contra a que cabe recurso.

Os feitos, segundo recolle a sentenza, producíronse o 5 de agosto dese ano na empresa Frigoríficas do Deza, dedicada ao sacrificio de porcos.

A empresa contratou unha compañía de Lalín para reparar unha trampa hidráulica nunha nave.

O falecido e un compañeiro desprazáronse á nave e o encargado de mantemento indicoulles o elemento que debían reparar e comezaron os traballos de soldadura.

"O acusado tiña pleno coñecemento de que existía CO₂ na zona de traballo e, a pesar diso, antes da intervención dos traballadores, non comprobou o nivel de acumulación de CO₂ residual nin extraeu o mesmo a través do sistema de extracción", recolle a sentenza. Finalmente, un dos operarios, tras entrar e saír varias veces e notar problemas ao respirar, acabou falecendo.

"O traballo iniciouse sen que, previamente a iso, a empresa Frigodeza e, no seu nome, o conselleiro delegado da entidade, comunicase os riscos propios do centro de traballo que ían afectar ás actividades para desenvolver, as medidas de prevención de tales riscos e as medidas de emerxencia que se debían aplicar, de modo que, por tal falta de comunicación, os traballos de soldadura realizáronse mediante un procedemento absolutamente inadecuado", recolle a sentenza.

Ao entón conselleiro delegado e actual rexedor de Dozón, o xulgado condénao por un delito contra os dereitos dos traballadores por imprudencia grave ás penas de cinco meses e 15 días de prisión e por un delito de homicidio por imprudencia grave a un ano e sete meses.

Ao encargado, condénano por un delito de homicidio por imprudencia á pena tamén dun ano e sete meses de cárcere. Tamén se impón o pagamento dunha indemnización a familiares do falecido que suma máis de 400.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade