Época de desova das troitas na piscifactoría do Carballiño
Época de desova das troitas na piscifactoría do Carballiño
Crían 70.000 exemplares ao ano, para soltar nos ríos de Ourense.
Con sesenta anos de historia, a piscifactoría do Carballiño é todo un referente na repoboación de troita común, e un reservorio que garante a conservación da especie. Nesta época, prodúcese un dos procesos máis fascinantes do ciclo de cría: a desova.
"Non é unha posta natural, é unha posta artificial, na que se durmen os peixes e extráenselles os ovos, fecúndanse... e ao cabo de 45 días van nacendo", explica Carlos Miguélez, encargado da piscifactoría do Carballiño desde hai 30 anos.
Repoboación
As soltas comezan en xuño, en función das necesidades de cada conca. Depende da xestión pesqueira e tamén dos imprevistos: desde incendios forestais, con arrastres de cinza á auga, ata verteduras que provoquen a mortaldade dos peixes.
"Unha vez que o río xa reúne as condicións fisicoquímicas normais para a vida, repoboamos segundo indiquen os técnicos do servizo", aclara Juan José Gómez, xefe de servizo de Patrimonio Natural en Ourense .
Na piscifactoría tamén fan educación ambiental, para familiarizar os máis novos coa riqueza dos nosos ríos e a súa conservación.