Publicador de contidos
Publicador de contidos

O proxecto Máis que leña amosa os distintos usos e aproveitamentos do monte máis alá da explotación madeireira

O proxecto Máis que leña amosa os distintos usos e aproveitamentos do monte máis alá da explotación madeireira

O proxecto xorde da necesidade de mostrar os distintos usos e aproveitamentos do monte máis alá da explotación madeireira

Os alumnos do colexio Brea Segade, que comparte espazo co monte comunal O Fieitoso, son os encargados de facer de guías

G24.gal 18/05/2022 08:43

Mostrar os distintos usos e aproveitamentos do monte máis alá da explotación madeireira. Este é o obxectivo do proxecto educativo Máis ca leña impulsado polo colectivo Fousas ao Monte e a mancomunidade de montes veciñais O Fieitoso de Taragoña, Rianxo.

Unha iniciativa en que alumnos de primaria serán os encargados de dalo a coñecer a través de visitas guiadas ao monte.

"Máis ca leña é un proxecto que xorde da necesidade de que os rapaces e a veciñanza en xeral coñecesen os diferentes usos que ten o monte comunal", así define o proxecto o residente da comunidade do monte veciñal en mancomún O Fieitoso Emilio Saborido.

Todo comezou hai uns anos co colectivo veciñal Fousas ao Monte, que se xuntan para realizar tarefas de limpeza, eliminacións de especies invasoras e novas plantas de árbores autóctonas nun monte de Taragoña, Rianxo.

A partir de aquí fixeron partícipes os alumnos do colexio Brea Segade. "Parte do proxecto educativo do centro é o coñecemento e o aproveitamento sostible do noso medio máis próximo e a educación ambiental" indica Cova Rodríguez, mestra do CEP Xosé María Brea Segade. "É un obxectivo que comparte a comunidade de montes e xa hai moitos anos, parte do itinerario que é o souto de castiñeiros xa foi plantado por nenos e nenas do colexio" engade.

"Que sexan capaces de transmitirlles ás demais persoas, ninguén mellor que os nenos, que os espazos coma estes que nos rodean son de todos, e todos temos unha pequena responsabilidade" explica Emilio Saborido. 

E os primeiros visitantes foron os alumnos do obradoiro de emprego de Xestión Forestal de Boiro, guiados por alumnos e alumnas de quinto de primaria, nun percorrido de algo máis de hora e media.

"Puxéronse diante dun grupo, neste caso, ademais, de adultos, e expuxeron o que eles saben sobre castiñeiros, sobre codia, resina, sobre cabras, sobre burros... que son contidos que están presentes no currículo de primaria pero que nós afortunadamente os traballamos doutra maneira" di Cova Rodríguez. 

Neste senso, Aitor Brandón, alumno do obradoiro de emprego de xestión forestal Torre Goiáns de Boiro, e un dos primeiros visitantes, destaca do proxecto Máis ca leña: "Esa sensibilidade que acaban collendo coa contorna e que vexan que hai máis do que ás veces nos ensinan. É importante coñecer o que temos ao noso arredor e saber como podemos aproveitalo". 

"Moi interesante, tanto a parte formativa dos nenos como a de buscar uns equilibrios", indica outro alumno do obradoiro de emprego, Breixo C. Salgado.

Para poder visitar esta área recreativa e coñecer de primeira man o proxecto Máis ca leña poden contactar tanto co propio colexio Brea Segade como coa comunidade de montes o Fieitoso e o colectivo Fousas ao Monte.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade