Publicador de contidos
Publicador de contidos

Confirmados 13 anos de cadea aos pais que maltrataron o seu bebé en Lugo

Confirmados 13 anos de cadea aos pais que maltrataron o seu bebé en Lugo

O TSXG di que son autores dun delito de lesións e doutro de malos tratos habituais no ámbito familiar

G24.gal 25/04/2023 14:15

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a condena a trece anos de cárcere imposto pola Audiencia Provincial de Lugo aos pais que maltrataron o seu bebé, un comportamento co que lle provocaron “gravísimas” secuelas.

O tribunal rexeitou os recursos presentados polos procesados e corroborou que son autores dun delito de lesións e doutro de malos tratos habituais no ámbito familiar, polo que tamén se lles impuxo a inhabilitación para o exercicio da patria potestade, tutela, curatela, garda ou acollemento durante 15 anos.

Tamén confirma a prohibición de achegarse a menos de 500 metros do menor e de relacionarse con el por calquera medio durante doce anos. Ademais, deberán aboarlle á vítima, a través da persoa ou entidade que teña asumida a súa tutela, 62.408 euros polo tempo de curación das súas lesións e 900.000 euros polas secuelas sufridas.

O TSXG entende probado, do mesmo xeito que os xuíces de primeira instancia, que os acusados, desde que o menor tiña un mes e ata que case tiña tres meses, agredírono “en reiteradas ocasións, propinándolle golpes e zarandeándoo cando se poñía a chorar”.

Como consecuencia das agresións, o 16 de agosto de 2019 tivo que ser ingresado na UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e, dada a gravidade das súas lesións, foi derivado ao hospital La Paz de Madrid.

A Audiencia explicou na sentenza, que “si pode asegurarse que mostrará unha perda total da visión do ollo esquerdo e alteración das funcións cerebrais superiores integradas, trastorno da linguaxe e epilepsia”.

Ademais, indicou que, “case con total seguridade, requirirá coidados de terceiras persoas en maior ou menor medida durante o resto da súa vida”.

Contra o ditame cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar