Outra noite tensa na Coruña con colectores ardendo a 24 horas da "emerxencia sanitaria"
Outra noite tensa na Coruña con colectores ardendo a 24 horas da "emerxencia sanitaria"
En só dúas horas, entre as 3:00 e as 5:00 da madrugada, prendeu lume en oito puntos distintos
A alcaldesa Inés Rey esixe que "remate a violencia" e di que non vai ceder á chantaxe mentres o sindicato STL asegura que non ten relación coas actos vandálicos na crise do lixo
Na Coruña, repítense os actos vandálicos dos últimos días. Os bombeiros están despregados pola cidade tratando de apagar os lumes que van prendendo en distintos puntos.
O primeiro incendio rexistrouse nun colector da rúa Alcalde Abad Conde, no barrio de Labañou, pouco despois da unha da madrugada. A partir de aí, sucedéronse os actos vandálicos. Hai colectores ardendo a estas horas en moitos puntos e algúns vehículos afectados tamén polas lapas. Só dende as tres ás cinco da mañá prendeu lume en oito sitios distintos. Os barrios máis afectados están sendo os de Labañou e o Castrillón.
Mañá remata o prazo de 72 horas que deu o Concello a sindicatos e empresa para lograr un acordo que permita a recollida do lixo, en caso contrario, decretará a emerxencia sanitaria na cidade. Contratará outra empresa, con cargo a Prezero, para a "recollida de xeito excepcional" do lixo, porque neste momento danse as condicións sanitarias, ambientais e legais.
O STL abriuse esta semana a ter a cidade limpa en dous ou tres días se se retiran as sancións contra os traballadores.