Fotografa todos os condutores que lle aparcan diante do vao permanente
Fotografa todos os condutores que lle aparcan diante do vao permanente
Os veciños quéixanse de que reciben multas aínda que só sexa por parar uns minutos na zona e din que non están asinadas por ningún axente
A tenda de en fronte di que só esta semana xa van máis de 45 clientes multados
A licenza municipal que prohibe o aparcamento diante da casa 13 de Adina, en Sanxenxo, desencadeou un conflito veciñal, porque a pesar da prohibición, os condutores seguen aparcando diante del.
O dono do garaxe teno claro. El paga o vao e quere a porta libre de coches as 24 horas, teña ou non que entrar ou saír do seu terreo. E por iso tira fotografías de todos os que estacionan diante. No lugar din que Juan e as súas fotos están detrás das multas que están a recibir do Concello de Sanxenxo por deter o coche, aínda que só sexa tocando a liña amarela que marca este vao.
Pero ningún axente de policía asina as denuncias. En Adina sospeitan que é froito da reclamación coas fotos do veciño. No Concello dinnos que quen fai a denuncia é a Policía Local de Sanxenxo. A notificación das multas tampouco o aclara. Mentres, o maior prexudicado é o tendeiro de en fronte, pola perda de vendas e a preocupación de dicirlle á clientela que non pare co coche no vao.
Clientes da tenda e veciños do lugar, preto de Sanxenxo, pídenlle flexibilidade ao dono do vao ante o risco de que o conflito acabe tendo consecuencias graves para a convivencia veciñal en Adina.