Entra co seu coche nun bar da Coruña tras unha liorta cuns clientes e deixa catro feridos
Entra co seu coche nun bar da Coruña tras unha liorta cuns clientes e deixa catro feridos
A Policía Científica abriu unha investigación para esclarecer o ocorrido e xa identificou o home que esnafrou o turismo contra o local
As lesións dos afectados teñen carácter leve
Un veciño gravou o momento do incidente cun turismo impactando a alta velocidade contra a porta do bar e accedendo ao interior. Tras dar marcha atrás e facelo de novo, o home foxe do lugar. Axentes das policías nacional e local falan coas testemuñas mentres os sanitarios atenden as persoas feridas, todas de carácter leve.
Este domingo a persiana do bar está baixada, ocultando os estragos provocados polo impacto coche. Unha liorta previa entre o condutor e un grupo de clientes foi o xerme de todo.
Había xente na terraza cando o coche irrompeu no bar. Por fortuna, os danos son unicamente materiais. Os veciños desta rúa, entre os barrios dos Mallos e da Sardiñeira, conviven case a diario cos problemas derivados da actividade deste e doutros locais próximos.
A investigación policial continúa aberta. Os axentes xa identificaron o home que arremeteu co seu coche contra o local. Fíxoo logo dunha liorta en que estarían implicados a súa exparella e o noivo actual dela.