Publicador de contidos
Publicador de contidos

Confusión en Irán na intensa busca do helicóptero en que viaxaba o presidente

Confusión en Irán na intensa busca do helicóptero en que viaxaba o presidente

O exército asegura que localizou o lugar onde está a aeronave sinistrada que transportaba a Ebrahim Raisi

Viaxaban tamén o ministro de Exteriores e outros destacados dirixentes do país

Os países árabes solidarízanse con Irán e ofrecen a súa axuda

O helicóptero en que viaxaba Ebrahim Raisi no momento da engalaxe
G24.gal 19/05/2024 22:54

O Exército iraniano afirmou este domingo que localizou a posición “exacta” do helicóptero no que viaxaba o presidente de Irán, Ebrahim Raisi, grazas a un sinal do aparello e a outra do móbil dun dos tripulantes.

“Identificouse o lugar exacto do accidente do helicóptero”, indicou o comandante do exército de Acerbaixán Oriental, o xeneral Asghar Abbasqolizadeh, segundo a axencia oficial IRNA. “Hai uns minutos recibiuse un sinal do helicóptero e do teléfono móbil dun dos tripulantes no lugar do accidente”, aseguraban. “Agora ímonos con todas as forzas militares á zona e esperamos dar boas noticias”, engadiu Abbasqolizadeh.

Os equipos da Media Lúa Vermella negaban pouco antes que os equipos de busca deran coa aeronave.

Antes, o vicepresidente de asuntos executivos, Mohsen Mansouri, afirmara que se contactou en varias ocasións con dous pasaxeiros do helicóptero no que viaxaba Raisi e que tivo que realizar unha aterraxe forzosa nunha zona montañosa da provincia de Acerbaixán Oriental.

Mansouri indicou que tres helicópteros partiron de Tabriz, capital da provincia de Acerbaixán Oriental, ás 13:00 hora local (11.30 GMT) e uns 30 minutos despois perdeuse o contacto co aparello no que viaxaban Raisí. Xunto co presidente viaxaban o ministro de Exteriores, Hosein Amir Abdolahian, o gobernador de Acerbaixán Oriental, Malik Rahmati, e o líder dos rezos do venres de Tabriz, Mohammad Ali Al-Hashem.

Tras a perda do contacto púxose en marcha un amplo dispositivo que xa conta con polo menos 65 equipos de rescate, pero as operacións víronse afectadas polo mal tempo, a choiva e a densa néboa na montañosa zona onde se produciu o incidente, cando xa escureceu en Irán, informou a Media Lúa Vermella.

Na zona do "accidente" despregouse un amplo equipo de rescatadores con drons. Seguen o sinal GPS que emitiu por última vez a aeronave nunha rexión montañosa a 600 quilómetros ao noroeste de Teherán.

Durante horas, os medios oficiais iranianos falaban dunha "aterraxe forzosa" do helicóptero do presidente Raisi, aínda que un oficial iraniano xa catalogaba de "accidente" o sucedido.

O líder supremo de Irán Ali Khamenei chamou á calma ante o paradoiro descoñecido de Raisi e asegurou que “non haberá interrupcións nas funcións do país”. Mentres tanto centos de persoas congregáronse nas cidades sacras de Mashad e Qom para rezar polo benestar do mandatario ultraconservador, segundo imaxes emitidas pola televisión estatal.

Raisi inaugurou este domingo unha presa xunto co seu homólogo acerbaixano, Ilham Alíev, na fronteira entre os dous países, un proxecto que os mandatarios cualificaron como un paso adiante nas relacións bilaterais.

O mandatario ultraconservador chegou ao poder en 2021, tras impoñerse nas eleccións presidenciais coa participación máis baixa na historia da República Islámica. Durante o seu Goberno intensificouse a represión contra activistas, mulleres e críticos co réxime.

O presidente de Irán este domingo no helicóptero accidentado e desaparecido O presidente de Irán este domingo no helicóptero accidentado e desaparecido
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade