Publicador de contidos
Publicador de contidos

Conmoción polo asasinato doutro empresario de Avión en México

Conmoción polo asasinato doutro empresario de Avión en México

Carlos Estévez, de 66 anos, foi asasinado a tiros ás portas dun negocio familiar

Hoxe mesmo está previsto que se oficie en México o funeral 

Familiares do falecido, na casa de Casar do Nabo
G24.gal 26/04/2022 14:39

Na pequena aldea de Casar do Nabo, en Avión, é onde naceu a vítima hai 66 anos. Ao longo desta mañá algúns familiares achegábanse ata a casa, onde segue residindo a nai, para darlle o pésame. Segundo os datos que transcenderon ata o momento, confirmados polo fillo da vítima, Carlos Estévez foi asasinado a tiros por tres asaltantes ás portas dun negocio familiar, unha lavandería que tiñan na área metropolitana da capital de México.

Servando Guerra, parente do falecido: "Foi a unha lavandería, buscar cartos para lle pagar á xente, e cando saíu, disparáronlle".

Segundo o relato do fillo, Carlos tratou de defenderse e tamén fixo algún disparo. Levaba unha arma desde que hai ano e medio intentaran secuestrar o seu fillo. Algúns emigrantes de aquí regresaron, precisamente, pola violencia e a inseguridade que sentían naquel país.

"Eu tamén estiven alá, pero volvín. Non quixen saber máis de México. A min asaltáronme, puxéronme a pistola na cabeza, tiráronme ao chan...", relata un veciño.

O falecido regresaba cada verán á súa aldea natal, onde a nova do asasinato causou unha gran dor, o mesmo que na localidade veciña de Espiñeiro, de onde é a súa muller. "Si, é un día triste. A min aféctame moito, e a todos. Porque non se debe quitar a vida a ninguén", confirma unha veciña.

O irmán do falecido, que reside aquí, viaxou ata México onde teñen previsto oficiar o funeral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade