Que podo facer para aforrar enerxía no fogar?
Que podo facer para aforrar enerxía no fogar?
Deixar os aparatos en 'stand by' pode supoñer o 10 % da factura
Lavar en frío coa lavadora chea, reducir a duración das duchas ou poñer luces LED reduce o gasto notablemente
Sexa por coidar do medio ambiente ou porque a factura da luz está disparada, pero o certo é que cada quen vai buscando como aforrar enerxía na casa.
O cambio da lámpadas tradicionais por iluminación LED ou de baixo consumo é, segundo os expertos, un dos consellos máis útiles e populares. Máis descoñecida é a cantidade de enerxía que gastamos deixando os aparatos en 'stand by' e isto inclúe deixar enchufados os cargadores sen os móbiles.
"O 'stand by' representa entre o 8 e o 10 % do consumo no fogar e se pode controlar case ao 100 %. Recomendamos regretas con apagado e acendido que concentren varios aparatos e sempre que non se usen apagalas ou desenchufalas", explica o director técnico de Energal, Iván Andrade.
Para aforrar enerxía e tamén auga xa que estamos con seca, cómpre facer duchas curtas e baixar a 40 graos a temperatura media do quentador. Tamén notaremos diferenza a fin de mes se facemos un uso eficiente da lavadora, un dos aparatos que máis consome.
"Recoméndase programa curto, lavadora cargada ao máximo para optimizar o recurso e, se se pode, mellor sempre programas fríos", engade Iván Andrade.
Contar cun bo illamento no fogar e contratar unha tarifa adecuada aos nosos hábitos son outros dos consellos. Sen esquecer o máis básico, non deixar as luces prendidas ao marchar, porque, xa se sabe, a mellor enerxía é a que non se gasta.